Pechado ata o luns o centro cívico de Monte Alto na Coruña polo positivo dun vixiante

Fontes municipais informan de que se procederá á desinfección do edificio e xa están illados varios traballadores.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 30/07/2020 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

O Concello da Coruña mantén pechado desde esta mañá e ata o luns o centro cívico de Monte Alto tras o positivo por coronavirus dun vixiante, empregado dunha empresa de servizos contratada pola administración local. Fontes municipais informan de que se procederá á desinfección do edificio e xa están illados varios traballadores.

Test COVID-19 en Galicia
Test COVID-19 en Galicia | Fonte: Xunta

Segundo explica o Concello, o traballador realizou a proba tras un contacto cun positivo o venres pasado. Desde o resultado positivo, o luns, o persoal "que puido estar próximo a el" foi illado e espera os resultados das probas. Fontes do centro cívico descartan que o home "circulase" por aulas onde hai nenos en actividades.

O peche non afecta a actividade do comedor social porque "ten unha entrada independente" aínda que tamén se desinfectará, explican desde o Concello, polo que os usuarios levaron hoxe a casa a comida de mañá e o sábado volverán utilizar a sala.

Fontes municipais engaden que se están investigando dous "posibles positivos", o dun traballador do matadoiro municipal Carnicosa e o dunha usuaria do pavillón de deportes de Riazor. Esta instalación xa foi desinfectada, detallan.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta