Temas: COVID-19 FESTAS

Cando un concello decide matar as iniciativas culturais veciñais

A Asociación de Veciños San Andrés de Zarracós láiase de que o Concello da Merca lles denegase o permiso para realizar a súa programación cultural aínda cumprindo os protocolos sanitarios da Covid-19.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 31/07/2020 | Actualizada ás 23:00

Comparte esta noticia

Esta asociación veciñal ourensá vén organizando as festas parroquiais nos últimos 27 anos e este 2020 atopouse co problema da pandemia tendo xa apalabrado o groso da programación. Achegándose ao mes de agosto, no que se realizan os festexos, decidiron suspender a festa tradicional que tiñan contratada con orquestras e optaron por realizar unha programación cultural alternativa adaptada á "nova normalidade" e co protocolo que elaborou a propia Xunta de Galicia.

Unha das fotografías do plan hixiénico-sanitario. Foto: Asoc. Veciños San Andrés de Tarracós
Unha das fotografías do plan hixiénico-sanitario. Foto: Asoc. Veciños San Andrés de Tarracós

A programación contemplaba concertos, música de rúa e un par de monólogos; xa estaba feita a correspondente cartelería con toda a documentación necesaria (seguro RC, declaracións responsables, estatutos...) e un extenso plan hixiénico-sanitario de como levala a cabo.

Con todo o expediente anterior cuberto presentaron a solicitude ao Concello da Merca e este denegoulles o permiso. Segundo fontes da asociación, a resolución de alcaldía, aínda recoñecendo que se cumpre a normativa establecida para organizar espectáculos públicos e actividades recreativas, manifesta que a concorrencia de varias persoas supón un risco de rebrotes da Covid-19 e que resulta imposible levar a cabo a vixilancia do evento.

Chegados a este punto, a asociación tivo que cancelar todas as actuacións sen prexuízo de que teña que facerse cargo dalgunha penalización ou de gastos xerados a artistas e empresas de espectáculos. Ao mesmo tempo expresan que “agora vemos que en practicamente todos os concellos limítrofes é o propio Concello o que está asumindo esas programacións culturais seguras, mentres que aquí nin deixan, nin fan”.

Temas: COVID-19 FESTAS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta