Bugallo atiza o lume entre concellos e Goberno polo emprego do superávit: "non podemos estar contentos"

O rexedor santiagués rexeita a posibilidade de transferir o superávit dos concellos ó Goberno central e que este devolva un 35%.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2020 | Actualizada ás 13:57

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, considerou que "ningún concello pode estar contento" coa proposta de transferir os remanentes de tesouraría á administración central e que esta devolva un 35 por cento para determinados usos nos municipios.

Nunha rolda de prensa este venres, Bugallo indicou que Santiago querería destinar en torno ao 50 por cento do seu remanente, que cifrou en 12,4 millóns de euros, á reactivación económica, pero a estas alturas do ano empeza "a perder a esperanza".

Así, mantense á espera do resultado da negociación da Federación de Municipios e Provincias (FEMP) co Goberno de España -onte suspendeuse a reunión prevista- e comparou a situación con "elixir entre Guatemala e 'guatepeor'", é dicir, entre manter os fondos sen utilizalos ou aceptar a vía para poder dispor dese 35 por cento.

"Se se nos acouta ao 35 por cento, como mínimo que se nos abran os usos e non se nos limiten porque é difícil de comprender que, se temos como prioridade a reactivación económica, non podamos destinar un só euro a iso, salvo para a cultura", manifestou. "Os cidadáns non van poder entendelo e, sinceramente, eu tampouco", dixo.

Ademais, reivindicou que os concellos non teñen "ningún buraco, téñeno outras administracións". "Somos a única administración pública que temos recursos que non nos deixan usar", protestou.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa. CONCELLO DE SANTIAGO
O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa. CONCELLO DE SANTIAGO

LIMPEZA DE COLEXIOS

Respecto das queixas trasladadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) por ter que asumir os concellos os gastos extraordinarios da limpeza especial nos centros escolares, Bugallo mostrouse de acordo. "Só faltaría que non nolos deixen usar --os fondos-- para facer fronte a gastos extra que nos veñen impostos por outras administracións. Imponnos e ningunha dános un euro", indicou.

O alcalde calculou que Santiago debe afrontar uns 4 millóns de euros de gastos extra derivados da crise polo coronavirus e, coa limpeza nos colexios, o concello está "a empezar a botar unhas contas demoledoras" porque pode supor outro medio millón máis.

O sobrecusto, insistiu, é "absolutamente extraordinario". "Non vexo a ninguén que achegue un euro e o máximo é dicir que, xenerosamente, gastedes parte do voso diñeiro...pois non se se dar as grazas", ironizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta