A conselleira de Educación admite que "non vai ser un curso fácil", pero garante que "está todo preparado"

O protocolo da Xunta non contempla o uso de lugares fóra de centros, aínda que "todos os espazos" de colexios "poden ser educativos". A oposición reprocha o protocolo de Educación "a custo cero" e pide que compareza Pomar.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2020 | Actualizada ás 14:52

Comparte esta noticia

A conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomar, admite que "non vai ser un curso fácil", pois será "complexo e diferente", pero garante que está "todo preparado" para ofrecer un ensino de calidade e con seguridade fronte ao coronavirus.

A preguntas dos medios este venres antes dun acto en Santiago, a conselleria defendeu que "é necesario para o alumnado de Galicia e os docentes poder volver ao ensino presencial", "salvo que a situación sanitaria cambie e se agrave nas próximas semanas".

Tal e como xa fixo Feijóo este xoves, tamén chama a "colaborar entre todas as administracións e organizacións" educativas, pois opina que o feito de non estar nas aulas presencialmente "agrava as diferenzas que poden vir por causas sociais ou económicas". Pomar considera que, "independentemente das dificultades" polas restricións e medidas de seguridade, "está claro que hai moitos centros que están a traballar con moito esforzo".

CONTACTO COS DIRECTORES

Tras unha nova reunión esta semana coa xunta autonómica de directores, agradeceu o seu "compromiso", mentres destaca que "é moi importante manter este contacto" para analizar "en detalle cales son as súas preocupacións e inquitudes", á vez que se recollen as súas suxestións para "saber máis de preto cal é a situación dos centros".

Carmen Pomar cos reitores da UDC e a USC. CONCHI PAZ
Carmen Pomar cos reitores da UDC e a USC. CONCHI PAZ | Fonte: Europa Press

Preguntada polo feito de que a Federación de Anpas de Pontevedra deixará de xestionar os comedores e o Plan Madruga polo protocolo da Xunta, Pomar dixo que "isto non vai implicar que se pechen todos os comedores na provincia de Pontevedra, senón que afecta máis á cidade de Pontevedra". "Parece que hai unha negativa por parte desta federación de abrir en setembro estes comedores e outros servizos de conciliación", indica.

O xoves, a ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, asegurou que non está descartado que se poidan abrir aulas fóra dos centros "se fose necesario". "Sempre que se poida, teranse que abrir aulas fóra dos centros. Habemos de innovar en todo: en metodoloxías e en espazos", aseverou. Cuestionada por este extremo, Pomar indicou que no protocolo da Xunta, "un dos máis exhaustivos", "non está contemplada esta posibilidade".

OPOSICIÓN

O inicio do curso escolar en setembro vén marcado polo protocolo de medidas de coronavirus aprobado pola Xunta e que, polo momento, conta co rexeitamento da comunidade educativa e concellos, así como o de toda a oposición, por ser un documento "a custo cero" para implementar as medidas que, sen un investimento en recursos económicos e humanos, non ven factible.

Por iso, BNG e PSdeG --que son grupos da lexislatura que termina e da que comeza-- solicitaron --co apoio na votación deste venres do Grupo Común da Esquerda-- a comparecencia de Pomar, unha petición debatida este venres e que foi rexeitada polo PPdeG, entre outras cuestións, por estar entre períodos e porque a titular do ramo --deputada electa tamén-- está nese período transitorio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta