Investigado un veciño de Ourense por un incendio por unha toma "ilegal" de electricidade que queimou 52 hectáreas

No que vai de ano, foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica un total de 41 persoas como presuntas autoras de incendios forestais

Por E.P. | Ourense | 03/08/2020 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

Un home de Ourense está investigado como presunto autor dun incendio forestal, que queimou máis de 52 hectáreas de superficie e que se orixinou, segundo as indagacións realizadas, por unha toma "ilegal" de electricidade.

Incendio
Incendio | Fonte: © Miguel Núñez

A Xunta informou de que axentes da Policía Autonómica de Ourense tomaron declaración a un home como presunto autor dun incendio rexistrado o pasado 18 de xullo en Canibelos, no municipio de Ourense. As dilixencias foron remitidas ao xulgado de instrución de garda de Ourense.

O lume afectou a 52,10 hectáreas, das cales 24,10 son de monte raso e os 28 restantes de superficie arborada.

O incendio orixinouse debido a unha toma "ilegal" á rede eléctrica realizada polo investigado, segundo o relato de Vicepresidencia. Esta toma fíxose cun cable do que parte discorría entre a maleza e varios metros semisoterrado no chan.

Debido a que as chamas estiveron preto das vivendas, tanto do lugar de Canibelos como do de Sabadelle, no municipio este último do Pereiro de Aguiar, para a súa extinción mobilizáronse un técnico, 19 axentes forestais, 32 motobombas, 50 brigadas e 19 medios aéreos.

No que vai de ano, foron detidas ou investigadas pola Policía Autonómica un total de 41 persoas como presuntas autoras de incendios forestais. O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, dixo o pasado xoves que as forzas de seguridade estaban a seguir, na actualidade, a 90 persoas por actividade incendiaria.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta