Galicia, entre as autonomías menos transparentes e atrasadas na publicación de datos abertos de saúde pública

Sitúase entre as cinco que ofrecen menos conxuntos de datos sanitarios de acceso público. Galicia tamén mostra importantes carencias na publicación de datos en formatos reutilizables. Aragón e País vasco son as máis avanzadas.

Por Alberto Quian | Madrid | 04/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia é unha das autonomías que ofrece menos datos abertos –de acceso público– en materia de saúde. Así o constata un estudo asinado por María Ángeles Bertos Quesada e Gonzalo Marco Cuenca, documentalistas da Universidad de Zaragoza que analizaron o nivel de apertura de datos nos portais web das Comunidades Autónomas, no período comprendido entre o 15 de xaneiro e o 1 de marzo de 2020.

Aplicación móbil do Sergas
Aplicación móbil do Sergas | Fonte: Xunta.

Segundo os seus achados, Aragón e País Vasco atópanse á cabeza con máis de 100 conxuntos de datos cada unha e, pola contra, Galicia (9 conxuntos), Andalucía (7), Baleares (6), Canarias (2) e Estremadura (2) son as máis atrasadas, sumando entre todas elas un total de 26.

Deste xeito, Galicia ocupa o posto 12 entre as 16 comunidades autónomas analizadas (non se inclúe Navarra por "dificultades técnicas para a recollida de información"), moi lonxe dos 124 conxuntos de datos de Aragón ou os 116 do País Vasco.

En total, os investigadores atoparon 485 conxuntos de datos de saúde dispoñibles nas 16 comunidades autónomas, destacando Aragón co 25,6% do total e o País Vasco co 24%, mentres que no caso de Galicia só representan o 1,85% do total.

No conxunto de todas as autonomías, as estatísticas sanitarias son os datos que máis se publican sobre saúde pública, cun total de 245 conxuntos de datos (50,5% do total).

Dentro dos conxuntos de datos predominantes, os relacionados coas estatísticas sanitarias, destacan aqueles que teñen que ver coa mortalidade (44 conxuntos, 18%), discapacidade (40 conxuntos, 16,3%), indicadores sociais (35 conxuntos, 14,3%), limitacións (28 conxuntos, 11,4%) e sanidade pública (23 conxuntos, 9,4%).

Pero a saúde pública non é o único sector sobre o que existen datos publicos. Os documentalistas da Universidad de Zaragoza atoparon un total de 19.166 conxuntos de datos por Comunidades Autónomas, existindo “unha importante diferenza entre a Comunidade Autónoma que máis datos publica, o País Vasco (10.266), fronte á que menos pública, Estremadura (38)”, ocupando Aragón o segundo lugar, con 2.849 conxuntos, e en terceira posición, Cantabria, con 1.039, sendo as únicas que superan os 1.000 conxuntos publicados, alcanzando o 74% da total fronte ao 26% do resto de autonomías.

No global, Galicia queda aquí na décima posición, con tan só 392 conxuntos de datos, unha cantidade 26 veces menor que a de País Vasco.

“Con relación ao total de conxuntos de datos por sectores podemos advertir que existen tres temas que despuntan con respecto ao resto e son: sector público con 2.549 conxuntos de datos (o 13,3% do total), economía con 1.996 conxuntos (10,4%) e demografía con 1.977 (10,3%)”, esclarecen os autores do estudo, que sitúan nun 2,5% do total os datos de saúde pública, sitúandose no posto 14 dunha clasificación de 22 categorías.

En resumo, “todas as Comunidades Autónomas coinciden no feito de recoller datos de saúde e, dado que é un sector que preocupa especialmente á sociedade, pode considerarse un grande avance. Con todo, o número de conxuntos de datos sobre saúde publicados polas administracións autonómicas pode aínda considerarse escaso, xa que soamente representa un 2,5% do total”, conclúen os expertos.

FORMATOS

Outro problema identificado en Galicia é o formato deses datos disponibles, xa que hai carencias na publicación de conxuntos en formatos reutilizables. De feito, e das poucas autonomías onde non se ofrecen datos en arquivos CSV.

Das 16 comunidades autónomas analizadas, 13 publican datos en CSV, que supón un 40% do total dos formatos utilizados (317 conxuntos). Nove comunidades publican no formato propietario XLS/XLSX (200 conxuntos, 25%) e en formato JSON/geoJSON (78 conxuntos, 10%) e oito en formato XML (68 conxuntos, 9%). Un total de 739 conxuntos de datos son reutilizables fronte a 59 conxuntos de datos non reutilizables (html, pdf e zip).

Cinco Comunidades Autónomas ofrecen conxuntos non reutilizables e dez ofrecen sempre conxuntos reutilizables. Soamente Asturias ofrece os seus conxuntos de datos nun único formato reutilizable (xml).

Galicia é das autonomías más retrasadas nesta materia, xa que os datos están dispoñibles nos formatos HTML, ZIP, KML, WMS, WFS, RSS, mais nada en CSV ou RDF, por exemplo.

Os expertos categorizarón os formatos seguindo o esquema das cinco estrelas de Tim Berners-Lee (creador da World Wide Web). Comprobaron que existen un total de 59 conxuntos (7,4% do total) con formatos de 1 estrela, é dicir, non reutilizables (pdf, html e zip), onde se sitúan Galicia, Andalucía, Cantabria, Castela-A Mancha e Cataluña.

Nos formatos de 2 estrelas, reutilizables propietarios (xls/xlsx, shp) hai 206 conxuntos (25,8%); os investigadores non atoparon este formato nos conxuntos de datos de Galicia.

Os de 3 estrelas, formatos reutilizables non propietarios (csv, xml, json, ods, kml, rss, wms, wmf), ascenden a 498 conxuntos (62,4%) e neste caso Galicia non presenta datos no formato máis popular, o csv.

Por último os conxuntos de 4 estrelas que utilizan estándares abertos W3C (rdf, sparql), do Consorcio World Wide Web, son 35 (4,4%) –tampouco aparece Galicia–, mentres que non atoparon conxuntos de 5 estrelas, que enlazan datos con outros datos para prover contexto (linked open data, en inglés).

En resumo, cinco Comunidades Autónomas teñen datos en formatos 1 estrela, 11 Comunidades en formatos de 2 estrelas, 16 manteñen formatos de 3 estrelas, reutilizables e en formato non propietario, e, por último, 4 autonomías conteñen nos seus portais formatos 4 estrelas.

O 62,4% das comunidades autónomas publica en formatos reutilizables e non propietarios. A análise, segundo os autores do estudo, reflicte unha “publicación a varias velocidades e a existencia dunhas comunidades autónomas máis adiantadas que outras na publicación deste tipo de datos”.

Malia que “algunhas administracións seguen utilizando formatos non reutilizables”, observan que está habendo unha tendencia “a prol da utilización de formatos máis avanzados para a apertura de datos”.

“Pódese observar unha clara disposición por parte das Comunidades Autónomas a publicar en formatos nivel 3 estrelas, é dicir, datos en formatos estruturados, abertos e non propietarios”, máis tamén “é frecuente a utilización de formatos de 2 estrelas, formatos estruturados (lexibles por máquinas) que facilitan o seu tratamento pero que se atopan nun formato propietario, o que pode esixir a compra dalgunha licenza de software para poder traballar coa información”, clarifican os autores.

Con todo, subliñan, “quedan Comunidades Autónomas que seguen usando formatos de nivel 1, formatos non estruturados que requiren da aplicación de técnicas e esforzo extra, e que, por tanto, non son recomendables utilizar”. Nese grupo está Galicia.

TRANSPARENCIA

Os autores recordan que as iniciativas de datos abertos constitúen "un elemento clave que favorece as políticas de transparencia das Administracións Públicas" ao "asegurar o libre acceso aos datos a todos os cidadáns".

Ademais, "para que os datos abertos das Administracións Públicas sexan fáciles de usar e poidan ser considerados realmente como un activo de información de calidade, deberían ser datos actualizados, obxectivos, útiles e accesibles", subliñan.

En resumo, "os beneficios específicos que podemos obter da liberación de datos dependerán, en gran medida, da propia calidade dos datos e, sobre todo, da capacidade de reutilizalos para obter valor", expoñen.

O estudo, titulado ‘Análisis del estado actual de apertura de datos en salud a nivel autonómico a través de los portales de datos abiertos’, vén de ser publicado no último número de Ibersid: revista de sistemas de información y documentación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta