Emprendedores na pandemia: a creación de empresas en Galicia supera os datos de 2019

Este mes de xullo creáronse un 4'5% máis de sociedades que no mesmo período do ano pasado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/08/2020 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

O número de novas empresas constituídas en Galicia en xullo situouse en 302, o que supón un incremento do 4,5 por cento en termos interanuais e un ascenso do 25,31 por cento en relación co mes de xuño deste ano, de acordo cos datos extraídos do Boletín Oficial do Rexistro mercantil e publicados este mércores polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Ademais, disolvéronse o mes pasado 52 sociedades mercantís en Galicia, fronte ás 83 de hai un ano, o que supón un descenso do 37,35 por cento neste indicador. Con todo, se se compara a cifra coa de xuño de 2020, disolvéronse un 30 por cento máis de empresas. Un total de 15 acometeron unha redución de capital, igual que hai un ano e só dous menos que en xuño.

En situación concursal figuraban 21 en xullo deste ano, cifra superior tanto ás 15 do sétimo mes de 2019 como ao nove de xuño de 2020. Non houbo escisións e rexistrouse unha única fusión en xullo, de acordo cos datos ofrecidos polo IGE. En canto ás ampliacións de capital, foron 78 o mes pasado, unha cifra que é un 30,36 por cento inferior á de hai un ano, cando houbo 112 operacións deste tipo, pero un 47,17 por cento superior á de xuño, cando se rexistraron 53.

Construción de vivendas. A XUNTA
Construción de vivendas. A XUNTA | Fonte: Europa Press

A CORUÑA E PONTEVEDRA, POR DIANTE

Por provincias, A Coruña e Pontevedra concentraron a creación de empresas, co 80 por cento das novas sociedades. En concreto, na primeira delas rexistráronse 130 (o 43,05 por cento do total galego) e na segunda, 112 (o 37,09 por cento), mentres que 33 corresponden a Lugo (o 10,93 por cento) e 27 a Ourense (o 8,94 por cento).

A práctica totalidade das empresas creadas son sociedades limitadas (299 de 302) e o resto constituíronse baixo unha fórmula distinta a esta e á de sociedade anónima. O capital medio destinado á creación do total das empresas foi en xullo de 353.944,90 euros.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta