Desmantelada en Moraña unha plantación de marihuana con case mil plantas

A Garda Civil detivo un veciño desta localidade.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 06/08/2020 | Actualizada ás 16:53

Comparte esta noticia

A Garda Civil detivo a un veciño de Moraña (Pontevedra) como presunto autor dun delito contra a saúde pública como responsable dunha plantación 'indoor' de marihuana, con case un milleiro de plantas, localizada na nave dun almacén neste municipio.

Desmantelada unha plantación 'indoor' de marihuana con case mil plantas en Moraña (Pontevedra).. GARDA CIVIL
Desmantelada unha plantación 'indoor' de marihuana con case mil plantas en Moraña (Pontevedra).. GARDA CIVIL | Fonte: Europa Press

Segundo informou o Instituto Armado, procedeuse á detención do presunto responsable da plantación, que resultou ser un veciño de mesmo municipio de 56 anos de idade, acusado dun suposto delito contra a saúde pública, na súa modalidade de cultivo e elaboración de drogas e outro de defraudación de fluído eléctrico.

As investigacións iniciáronse cando a Garda Civil tivo sospeitas "das posibles actividades delituosas dun veciño do municipio de Moraña que o vinculaban con actividades relacionadas co tráfico e a elaboración de drogas", relataron as mesmas fontes.

"As xestións realizadas confirmaron as sospeitas e púidose localizar un almacén, situado no mesmo termo municipal, onde tiña instalada toda a infraestrutura dunha plantación 'indoor' de marihuana", incidiron as mesmas fontes.

Unha vez obtidos os indicios que evidenciaban a existencia deste cultivo, a Garda Civil procedeu á fase de explotación da operación coa inspección da nave e a aprehensión de case mil plantas de cannabis sátiva (marihuana).

Ademais, interviñeron instrumentos para o seu cultivo e elaboración como substratos especiais, abonos químicos, materiais de osixenación, bombas de extracción de aire, mesturadoras de materia vexetal con materia química, sementeiros e outros.

"PERFECTA ORGANIZACIÓN"

A Benemérita subliñou que "existía unha perfecta organización do cultivo", xa que se atoparon seis estancias "perfectamente diferenciadas" nas que se organizaban as plantas por tamaños, estados de floración, produción e un habitáculo destinado ao secado da droga.

Durante o rexistro tamén detectaron que esta persoa "puidese estar implicada nunha defraudación de fluído eléctrico coa cal lograse o abastecemento de enerxía de maneira fraudulenta para o seu labor delituoso".

As investigacións, que se desenvolveron no marco da denominada 'Operación Máquina', foron levadas a cabo pola Patrulla Fiscal de Vilagarcía de Arousa, que contou co apoio e colaboración dos postos de Caldas de Reis, Valga e o Equipo de Investigación de Vilagarcía.

O detido, xunto coas dilixencias instruídas, os efectos intervidos e as plantas incautadas, foron postos a disposición do xulgado de Instrución de garda de Caldas de Reis.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta