Déficit en formación en violencia de xénero en médicos de Medicina Familiar en Galicia

Un estudo realizado nas sete Unidades Docentes de Atención Familiar e Comunitaria identifica a carga asistencial como un factor negativo na formación de médicos residentes e titores.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 08/08/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os médicos titores e residentes de Medicina Familiar en Galicia teñen déficit en formación en violencia de xénero. Así o conclúe un estudo realizado por especialistas da área sanitaria de Santiago nas sete Unidades Docentes de Atención Familiar e Comunitaria de Galicia.

Persoal sanitario,
Persoal sanitario, | Fonte: Europa Press.

Os expertos analizaron o nivel de preparación, coñecemento e experiencia destes profesionais sobre a violencia de xénero mediante un cuestionario. En total, 159 cuestionarios nos que se evidencian “diferenzas estatisticamente significativas na detección/diagnóstico da violencia a favor dos profesionais que tiñan coñecemento do protocolo de violencia de xénero ou que recibiran formación sobre esta materia”, explican os autores do estudo.

Na autopercepción da formación sobre violencia de xénero observáronse “peores resultados, con significación estatística nos profesionais con maior carga asistencial”, aportan.

Trátase, segundo os seus autores, do “primeiro estudo que se realiza en Galicia co obxectivo de analizar os coñecementos e experiencia sobre a violencia de xénero no ámbito da Atención Primaria, e especificamente en tirores médicos e MIR da especialidade de Medicina de Familia”.

Os datos mostran, segundo os investigadores, que os médicos que recibiron formación específica sobre este problema e os que tiñan coñecemento activo do protocolo de actuación ante a violencia de xénero teñen “maior capacidade para detectar/diagnosticar na súa práctica clínica diaria casos de violencia de xénero”.

Tamén destacan que “unha porcentaxe significativa” ten unha “autopercepción deficiente sobre a súa preparación e coñecemento neste campo”, o cal “pode limitar a súa capacidade para dar unha resposta sanitaria temperá, rápida, personalizada e eficaz”.

Os resultados tamén indican que “a maior presión asistencial (consultas con máis de 40 pacientes/día), peor é a valoración sobre a formación en violencia de xénero”, o que indica que “este factor é unha barreira importante na asistencia á violencia de xénero en Atención Primaria”.

No estudo corrobórase a existencia de “dous alicerces básicos” na atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero. Por unha banda, sinalan a formación específica do persoal médico, xa que “favorece a sensibilización cara a este problema”, e por outro, a “elaboración e difusión por parte das institucións sanitarias de protocolos e guías de actuación ante a violencia de xénero no ámbito sanitario”.

Cos resultados na man, os autores do estudo cren “necesario afianzar a formación en  violencia de xénero e fomentar o coñecemento activo do protocolo de actuación” en “todo o persoal médico do primeiro nivel asistencial”.

“É lóxico pensar que este tipo de actuacións tamén serían necesarias noutros profesionais sanitarios, como pode ser o persoal de enfermería, a súa extensión ao nivel hospitalario, e especialmente nos dispositivos da atención de urxencias”, engaden.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Arteixá

Resulta incrible que ante un problema social coma este, no que os médicos poden axudar e moito a estas mulleres, pois están nunha posición única de confidencialidade médico-paciente, inda esteamos en pañais. Incluso abondaría cun curso online autoguiado ou un simple folleto, ou protocolo escrito.