Os contactos dos pacientes con Covid-19 aparecen na historia clínica electrónica á que acceden os médicos galegos

Sanidade defende que é "unha nova ferramenta na loita contra o virus" e conforma unha "rede integral de seguimento".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/08/2020 | Actualizada ás 13:42

Comparte esta noticia

Os médicos galegos poden consultar na historia clínica electrónica dos seus pacientes con COVID-19 tamén a información sobre os casos sospeitosos e os contactos estreitos relacionados, informou este domingo a Consellería de Sanidade.

Sanitarios entran nunha vivenda de Foz, na comarca galega da Mariña
Sanitarios entran nunha vivenda de Foz, na comarca galega da Mariña | Fonte: Carlos Castro - Europa Press

Este departamento da Xunta destacou que esta é "unha nova ferramenta na loita contra o virus" e conforma unha "rede integral de seguimento" que se apoia na historia electrónica (IANUS).

Ata este momento, os médicos tiñan listas de traballo integradas no IANUS a través das que se lles informa de novos casos no seu ámbito de atención e da situación na que estes se atopan e os cambios no estado dos seus pacientes asociados a esta patoloxía.

Desta maneira, afirma Sanidade, pódese "actuar con maior celeridade". Ao porse en marcha a central de seguimento de contactos, obtense información relevante sobre as enquisas feitas a todos os casos e o seguimento de contactos e esta información "consolídase" no sistema de vixilancia epidemiolóxica (VIXIA), que é único para toda Galicia.

A información "esténdese" agora a todos os profesionais sanitarios coas melloras na historia clínica electrónica, de forma que un profesional pode coñecer a situación da enfermidade dun paciente e tamén a evolución de persoas da súa contorna próxima que puideron estar en contacto co virus, indica a Consellería.

O departamento que dirixe Jesús Vázquez Almuiña considera "fundamental" reforzar a aposta polas plataformas tecnolóxicas para un mellor seguimento da pandemia. "Isto é algo crucial neste momento, xa que a vixilancia dos posibles novos brotes é vital para non ter un repunte da COVID-19", defende.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 unhamarinhá

Vaia, debe ser iso que os sanitarios da mariña denunciaron cando foi do grumo alá. Decían que non existía a lista "contactos identificados do meu cupo" que o sergas anunciara con bombas de palenque e que está en vigor dende o 13 de maio de 2020. seique tamén era mentira....