Temas: FOLGA INCENDIOS

Técnicos de incendios converten a súa protesta nun recoñecemento aos tripulantes do avión sinistrado

Cumpren oito días da súa folga indefinida.

Por Europa Press / Redacción | Lugo | 09/08/2020 | Actualizada ás 17:23

Comparte esta noticia

Os técnicos de incendios forestais converteron a protesta que tiñan convocada para este domingo, cando se cumpren oito días da súa folga indefinida, nun acto de "recoñecemento e condolencias" polo accidente dun hidroavión que participaba este sábado nos labores de extinción do incendio de Lobios (Ourense) e que provocou a morte dun dos tripulantes e feridas ao outro.

Accidente do hidroaviónno incendio de Lobios (Ourense)
Accidente do hidroaviónno incendio de Lobios (Ourense) | Fonte: @AT_BRIF

Un dos representantes destes traballadores, Xabier Bruña, da CIG, explicou que a concentración de hoxe --unha protesta que vai cambiando de escenario polas catro provincias e que este domingo se fixo en Lugo-- foi silenciosa debido ao accidente.

Dado que aínda non tiveron contactos coa Consellería do Medio Rural para negociar unha saída ao conflito, Bruña manifestou que seguirán coa folga e coas protestas.

Estes días, nos que se suceden incendios forestais, constátase que se "recrudecen" as condicións de traballo dos membros do dispositivo de extinción, integrado por case 6.000 persoas en Galicia, ás que os técnicos de incendios coordinan, indicou.

Cando se dan situacións como esta, con varios lumes grandes activos e cun accidente cun falecido e un ferido, "hai que lembrar que hai un equipo humano detrás dos labores para parar esta secuela", destacou Bruña..

Ademais, pediu retomar o contacto cos responsables de Medio Rural para buscar unha solución ao seu conflito. "Esperemos que a reticencia de non chamar sexa porque non está conformado aínda o Goberno", indicou, en alusión a que, tras as eleccións do 12 de xullo, o actual equipo da Xunta está en funcións.

En calquera caso, Bruña defendeu que o dispositivo de extinción de incendios "ten que funcionar con independencia de se o Goberno está constituído ou non".

Desde a negociación dos servizos mínimos para a folga, que superan o 90 por cento e garanten o funcionamento do servizo, non volveron a ter contacto coa Xunta, explicou.

AUMENTO DO PERSOAL

Bruña manifestou que levan 27 meses tentando atopar unha solución e que o que reclaman "entronca coas cuestións de seguridade" e cun aumento de persoal para facer fronte á carga de traballo que teñen e establecer un operativo "máis profesionalizado".

Estes técnicos, que son uns 120, encárganse de coordinar os medios de extinción e tamén de tarefas de xestión forestal, explicou. O 15 por cento do territorio galego, ao redor dunhas 300.000 hectáreas, que son "algo menos" das que ocupa a provincia de Pontevedra, xestiónanse a través de contratos da administración, que non é propietaria, pero administra os terreos.

Temas: FOLGA INCENDIOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta