Normalidade na comarca da Coruña na primeira fin de semana con restricións de Sanidade

O Concello de Cambre impuxo sete denuncias por non utilizar a máscara e o alcalde de Oleiros critica que se cancelasen dúas regatas.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 10/08/2020 | Actualizada ás 16:46

Comparte esta noticia

Os concellos da comarca da Coruña afectados polas restricións impostas pola Consellería de Sanidade desde o venres viviron un fin de semana sen incidencias destacadas. Na mañá deste luns o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e os alcaldes da área mantiveron unha reunión para avaliar o desenvolvemento da crise na zona.

Reunión do conselleiro de Sanidade e outros cargos con alcaldes da comarca da Coruña sobre a evolución da COVID-19
Reunión do conselleiro de Sanidade e outros cargos con alcaldes da comarca da Coruña sobre a evolución da COVID-19 | Fonte: Xunta.

Vázquez Almuiña destacou a necesidade de conseguir unha "boa coordinación" entre institucións para a "detección e diagnóstico precoz" dos contaxios para frear a expansión do virus. O responsable autonómico convidou aos alcaldes a trasladar "propostas" para implementar en cada un dos municipios.

Pola súa banda, a Policía Local de Cambre informou que, desde o pasado xoves, interpuxo sete denuncias a particulares por non levar posta a máscara, sobre todo, apostila, "a grupos de mozos". Os axentes tamén apercibiron ao responsable dun local que excedeu a hora de peche das 1.00 horas na madrugada do sábado.

O Concello cambrés tamén engade que recibiu un cento de chamadas de veciños do municipio para expor "dúbidas" sobre as medidas anunciadas polo DOG na noite do venres. O alcalde desta localidade, Óscar García Patiño, pediu a "colaboración" de todos os veciños, pero tamén apuntou que, "agás excepcións", cumpríronse as medidas.

O rexedor, durante o encontro co conselleiro, trasladoulle a súa "preocupación" pola práctica deportiva por "posibles riscos" con corredores, ciclistas e usuarios que "comparten o mesmo espazo".

Por parte do Concello da Coruña cualifican a fin de semana de "tranquilo" e negan que houbese incidencias relacionadas coas novas medidas ditadas polo Sergas.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, considera un "escándalo" que a Xunta cancelase dúas regatas en Perillo e Mera porque as traiñeiras estaban ocupadas por 12 persoas. "Que diferenza hai entre dez ou doce", reprochou o rexedor, que cuantifica en 600 euros por embarcación a perda económica da suspensión.

Por esta razón, o rexedor oleirense pide "seriedade" á hora de redactar as normas, pero non reportou ningunha incidencia no municipio durante a fin de semana, no que a feira Alfaroleiros, en Santa Cruz, tivo gran asistencia de público coas medidas de seguridade xa previstas para o evento. "Houbo moita xente, moi respectuosa", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta