Un equipo da comisión de accidentes aéreos desprázase a Lobios para investigar o accidente mortal do hidroavión

A aeronave participaba nas tarefas de extinción dun incendio no Xurés, nun sinistro no que faleceu un piloto portugués e resultou ferido un copiloto español.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 10/08/2020 | Actualizada ás 17:06

Comparte esta noticia

Un equipo da Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes de Aviación Civil (Ciaiac) desprazouse ata o municipio ourensán de Lobios para realizar pescudas sobre o terreo acerca do sucedido en relación coa caída dun hidroavión o pasado sábado. Esta aeronave participaba nas tarefas de extinción dun incendio no Xurés, nun sinistro no que faleceu un piloto portugués e resultou ferido un copiloto español.

Fotografía do accidente tomada pola Asociación de Traballadores das BRIF pertencentes ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico
Fotografía do accidente tomada pola Asociación de Traballadores das BRIF pertencentes ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico | Fonte: @AT_BRIF

Segundo informan por parte desta comisión --adscrita ao Ministerio de Fomento--, a investigación sobre o accidente abriuse "axiña que se tivo coñecemento" do sucedido.

Así, a Ciaiac detalla que á finalización da investigación publicarase un informe técnico sobre as causas e circunstancias que rodearon a este accidente.

O accidente aéreo, no faleceu un piloto luso de 65 anos, tivo lugar pouco despois das 11,00 horas do 8 de agosto. En concreto, estrelouse unha aeronave CL-2015 da empresa civil Babcock, con sede en Matacán, Salamanca, á que o Goberno de Portugal ten alugados tres avións --dous operativos e un en reserva-- en operados por Protección Civil no aeroporto de Castelo Branco.

Pola súa banda, este incendio no parque natural do Xurés, que arrasa 400 hectáreas en Lobios, segue sen estar controlado. O lume comezou ás 8,00 horas do sábado tras entrar desde Portugal.

Sobre a investigación aberta, o conselleiro de Medio Rural, José González, sinalou que aínda non hai "datos certos de como foi", á vez que resaltou que se produciu nunha zona "complicada".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta