As cifras da Covid na Coruña son xa iguais ás do 25 de marzo, en plena pandemia

Con esta gráfica pódese ver como os casos remontan en todas as áreas sanitarias coa fin do estado de alarma.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Conforme avanzan as semanas, vai quedando claro que a situación epidemiolóxica de Galicia, lonxe de estabilizarse, segue empeorando a grandes pasos. Logo dunhas semanas nas que a alarma estivo centrada no foco de Mariña, agora é a área sanitaria de A Coruña e Cee a que máis preocupa. Segundo destaca a Consellería de Sanidade, ata este mércores Galicia conta con 827 casos activos, dos cales máis da metade -463- foron rexistrados na área da Coruña e Cee.

Tubos de ensaio con mostras
Tubos de ensaio con mostras | Fonte: EP

Uns casos que sitúan a Coruña en datos semellantes aos do 25 de marzo, cando Galicia estaba en plena pandemia e confinada.

Tal e como se pode comprobar nesta gráfica, elaborada con datos do SERGAS, a evolución da pandemia dende os primeiros rexistros do mes de marzo sofre dous puntos de inflexión cruciais. O primeiro é o cambio do método de conteo, que fai diminuír substantivamente o número de casos a partir de abril. Por outro lado, o desconfinamento brindado pola fin do estado de alarma deu pé, coa chegada do verán, a unhas semanas de calma que, cando menos na área da Coruña, parecen ter chegado á súa fin.

POLICÍA AUTONÓMICA

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, avanzou que a Policía Autonómica desenvolverá nos próximos días un "dispositivo especial" na área da Coruña para "lembrarlle aos cidadáns que teñen que ser precavidos e cumprir" coas medidas sanitarias para facer fronte á COVID-19.

A preguntas dos xornalistas no transcurso dunha visita oficial en Pontevedra, Rueda apuntou que a vixilancia policial e as sancións son "necesarias" para garantir o cumprimento das medidas, porque "sempre hai xente insolidaria".

A pesar diso, non poden ser "a única ferramenta", xa que é necesario que cada un asuma a responsabilidade "cívica" ante o coronavirus.

O vicepresidente galego referiuse tamén á prohibición de fumar na rúa no caso de que non se poida manter a distancia de seguridade. "Entendemos que chamou a atención pola medida nova, pero está a empezarse a falar de que se cadra se aplica outras partes do territorio", incidiu.

Rueda foi preguntado tamén polas declaracións do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, nas que reprochou aos alcaldes da área da Coruña e á Delegación do Goberno a "enorme relaxación nos controis", especialmente do lecer nocturno e os botellóns.

"Eu creo que non foi un tirón de orellas, foi unha chamada de atención sobre algo que todos temos que ter claro", dixo, para incidir na "responsabilidade colectiva" nunha loita na que deben estar implicados "todas as administracións" e os cidadáns.

"Iso non ten que dar lugar a ningún malestar senón ao reforzo desa responsabilidade que todas as administracións temos", defendeu, reiterando que "o que fixo o presidente da Xunta foi un recordatorio" dunha cuestión "de interese xeral".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta