O BNG pide probas "masivas" na área da Coruña e esixe a comparecencia do conselleiro de Sanidade

Insta á Xunta a publicar os informes sobre a carga viral nas augas residuais coruñesas para coñecer a "radiografía" da pademia

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2020 | Actualizada ás 12:45

Comparte esta noticia

O BNG instou á Xunta a realizar probas "masivas" na área sanitaria da Coruña ante o aumento de casos de coronavirus e esixiu a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para informar os rebrotes en Galicia.

Así o demandou a portavoz de Sanidade do BNG na Cámara galega, Montse Prado, quen tamén considerou necesario que o Goberno galego faga públicos os informes do proxecto de investigación que a empresa que depura as augas residuais urbanas da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros realiza xunto á Universidade da Coruña (UDC).

Este proxecto, segundo indicou, permite "detectar con antelación os brotes" ao determinar a carga viral aínda que se trate de persoas asintomáticas, polo que pediu que se faga público o seu contido para poder facer unha "radiografía" da situación da pandemia nesta zona.

Na súa intervención, a parlamentaria nacionalista advertiu de que xa son uns 40 os brotes detectados en Galicia, tanto en áreas urbanas como rurais. "Ante esta situación o PP e a Xunta non poden seguir mantendo opacidade e falta de transparencia", asegurou.

COMPARECENCIA NA CÁMARA

Por iso, sinalou que o Bloque Nacionalista Galego esixe a comparecencia do titular de Sanidade na Cámara galega para que de contas de cuestións como se hai transmisión comunitaria do virus e cantas persoas están a realizar os rastreos en Galicia.

"No BNG non damos por válido o dato de que a Xunta ten 6.000 rastreadores", sostivo Montse Prado, que puxo en cuestión que a Administración autonómica trate de computar a todo o persoal da Atención Primaria nesta cifra.

A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, ofrece unha rolda de prensa na Cámara galega
A portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, ofrece unha rolda de prensa na Cámara galega | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta