Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/08/2020 | Actualizada ás 15:56
O conselleiro de Turismo en funcións, Román Rodríguez, asegurou que o sector turístico galego "está a resistir dun modo relativamente positivo", a pesar de que non hai os datos que "gustarían" neste verán. Este mércores, Román Rodríguez realizou unha visita a un hotel en Poio (Pontevedra), onde se mostrou confiado en que "se a tendencia mantense" o sector turístico galego poderá saír "máis ou menos airoso" desta tempada.
Nesta visita tamén estivo o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, quen valorou que "as cifras do mes de xullo foron boas, relativamente" ,aínda que recoñece que "o sector empresarial quería máis, pensando no que podía ser e non foi". Pardal indicou que nestes momentos cando se abren os establecementos "xa é un éxito", nun contexto marcado pola "volatilidade" que sofren as reservas coa epidemia do coronavirus, xa que "no momento no que se desata un caso as anulacións son continuas".
A estimación para o mes de agosto móvese nunha pinza entre o 60% e un 65% de ocupación, segundo os datos que manexa o Clúster de Turismo de Galicia. "O que está ben, para o momento que estamos a vivir", comentou Pardal. "Estamos a resistir fronte a outras comunidades", engadiu. "Este ano tratamos de salvar a campaña e que os gastos sexan iguais aos ingresos", ese é o obxectivo para este exercicio segundo o presidente do Clúster do Turismo de Galicia.
SEN TURISTAS ESTRANXEIROS
O conselleiro de Turismo, Román Rodríguez, comentou que está a ser "moi baixa, case nula" a presenza de turistas estranxeiros e percíbese que "nas zonas de costa e rurais de interior hai uns niveis de ocupación aceptables", mentres que "nas zonas urbanas a ocupación e a demanda turística é máis baixa". Román Rodríguez espera que durante a tempada baixa, a partir do mes de setembro, "se manteña un nivel de demanda mínimo que permita salvar as estruturas empresariais e salvar tamén o emprego".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.