A Xunta admite que existe transmisión comunitaria na comarca da Coruña logo de decidir non confinala

Sanidade apunta que a intensidade da transmisión é "descoñecida".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2020 | Actualizada ás 13:01

Comparte esta noticia

A Xunta recoñece que o brote de coronavirus na comarca da Coruña --cuxa área sanitaria este xoves rexistra 544 casos activos-- está a causar xa "transmisión comunitaria" do virus. Polo momento a Consellería de Sanidade recoñece que a intensidade desta transmisión é "descoñecida".

Así o recolle a orde publicada no Diario Oficial de Galicia deste mércores para actualizar as medidas na zona encamiñadas a conter a COVID-19, e que pasan por reducir acompañantes nos hospitais, establecer quendas preferentes para persoas vulnerables e maiores, aos que se recomenda non saír de casa en horas punta, e manter as restricións de aforamentos e lecer nocturno. Segundo explicou Alberto Núñez Feijóo na mañá do mércores, a situación epidemiolóxica non requiriu "de momento" de restriccións á mobilidade.

Mulleres con máscaras de protección contra o coronavirus
Mulleres con máscaras de protección contra o coronavirus | Fonte: © Miguel Núñez.

Tal e como recolle o informe da Dirección Xeral de Saúde Pública sobre a situación epidemiolóxica da comarca da Coruña, está a ter lugar un "incremento dos casos e taxas de infección" na área, que se sitúa en 92 por cada 100.000 habitantes, segundo confirmou o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Ademais, o informe apunta un "aumento de cadeas de transmisión independentes" e "unha porcentaxe de casos orfos que indica que existe transmisión comunitaria, aínda que de intensidade descoñecida".

Ante esta situación, os expertos recomendan continuar as medidas restritivas postas en marcha o 7 de agosto na zona e incrementar as directrices en cuestións como as visitas a hospitais. Do mesmo xeito, pediuse á poboación máis vulnerable ao virus ou a aquela que ou pode usar máscara, un reforzo na "autoprotección", instándolles a que non saian dos seus domicilios nas horas de máis afluencia de persoas. As medidas revisaranse nun máximo de sete días para avaliar a súa "efectividade real".

O pasado 7 de agosto a Xunta implantou medidas restritivas na área da Coruña para frear o avance do brote, como a suspensión de verbenas e festas, o peche do lecer nocturno en nove concellos ou a supresión de visitas a residencias e peche de centros de día. Naquel momento, o número de casos activos na área sanitaria era de 177, mentres que agora alcanzan os 544. Entre as medidas sobre a mesa, o presidente Núñez Feijóo mencionou este mércores a posibilidade de estender o peche do lecer nocturno a máis municipios, aínda que, finalmente, non foi incluído na orde publicada no DOG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta