A alcaldesa de Viveiro tras a cancelación do Resurrection: "O que prima nesta nova normalidade é a saúde"

Vincula non autorizar o Resurrection ao risco de "aglomeracións" fose do recinto e ao "medo" dos veciños.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/08/2020 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Viveiro, a socialista María Loureiro, atribuíu este xoves a decisión do municipio de non ceder o espazo do Resurrection Fest para a súa versión 'XS' adaptada á 'nova normalidade' polo risco de que se producisen "aglomeracións" fóra do recinto e polo "medo" e "preocupación" mostrado polos veciños.

"O que prima nesta nova normalidade é a saúde", dixo María Loureiro, que lembrou que se trata de "unha situación excepcional, especial e extraordinaria", ante a que o consistorio optou este mércores por "non autorizar" o uso do recinto para a celebración dunha versión reducida do festival, que se anunciou tan só un día antes.

Para xustificar esta decisión, que, segundo os organizadores da cita, pilloulles por sorpresa, a alcaldesa lembrou que "hai un mes" había un peche perimetral na Mariña por mor dun brote de coronavirus.

Así, e aínda que afirmou que "o formato que presentaba a organización era seguro", con concertos limitados a 800 persoas e garantindo a separación, a preocupación do concello estaba "fóra do recinto", onde se podían producir "aglomeracións de xente", dixo a alcaldesa.

Ademais, Loureiro lembrou que os medios dos que dispón o municipio "son os que son", en referencia aos axentes que "controlan que a xente cumpra as normas". A rexedora fixo fincapé en que, se "a Policía está no recinto de Resurrection" non pode estar no centro de Viveiro, "controlando que toda a xente cumpra coas medidas de seguridade".

Finalmente, o temor e "clamor dos veciños" tamén pesou á hora de denegar a autorización para o festival. "Existe preocupación aquí en Viveiro", dixo a rexedora, para quen a xente "ten medo" en relación á pandemia. Pese esta situación, a alcaldesa garantiu que o concello "sempre apoiará ao festival e á organización", aínda que, agora mesmo, subliñou, "o que ten que primar é a saúde".

Resurrection Fest.. RESURRECTION FEST - Arquivo
Resurrection Fest.. RESURRECTION FEST - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta