A morte ás portas da dependencia, cando a solución non chega a tempo

Asociacións de axuda a persoas dependentes denuncian o falecemento de xente en espera de axudas antes de recibilas. Piden un aumento das contías destinadas a este capítulo. Tamén reclaman a compatibilidade entre diferentes prestacións, autonómicas, estatais ou municipais.O Estdo ten competencias sobre a Lei de Dependencia e a Xunta pide cofinanciar as prestacións.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 16/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Os trámites para solicitar as axudas previstas na Lei de Dependencia terían un máximo de 180 días para a súa resolución. Non obstante, os cálculos dalgunhas asociacións de profesionais da xeriatría calculan que a media de espera para todo o Estado é de 426 días, habendo comunidades autónomas que superan os dezaoito meses de espera.

Dependencia
Dependencia

Asociacións como a Asociación de Directoras y Gerentes de Servicios Sociales (ADGSS), denunciaron que máis de 30.000 persoas faleceron en todo o Estado durante o primeiro semestre de 2020. Se si é certo que a COVID-19 e o estado de alarma, o confinamento e a posterior desescalada, xogaron un papel obstaculizador en tanto en canto a axilización das concesións.

NON SÓ FOI A COVID

En Galicia, segundo datos de asociacións profesionais a media de espera desde que se solicita ata que se resolve un expediente de dependencia era de 342 días en xaneiro de 2020. Un dato intermedio entre a comunidade que menos tarda, Ceuta con 70 días e a que máis, Canarias con 785 días. Desde a Consellería de Política Social indican que “o tempo medio de resolución, reduciuse durante os dous últimos anos en 46 días”. Así “durante o que levamos deste ano 2020, o tempo medio de resolución sitúase en 184 días; cando no ano 2019 foi de 210 días; e de 230 días no ano 2018”. Isto son os datos que achega o informe do Instituto de Mayores y Medidas Sociales (IMSERSO) do mes de xullo de 2020.

O preocupante desta volta é que o número de persoas falecidas esperando a resolución de dependencia aumentou un 50% nos primeiros meses de 2020, isto segundo datos do Sistema de monitorización y vigilancia diaria (MoMo) del Centro Nacional de Epidemiología. Máis de 30.000 persoas morreron superando as previsións oficiais. O número total de mortes contabilizado polo MoMo durante ese período foi de 97.112 persoas mortas esperando a axuda de dependencia.

Os motivos que están detrás destes datos a nivel estatal para a ADGSS son dous principalmente. Os recortes sobre o financiamento da lei que crearon espazos de desatención grazas á vía de non resolver os procedementos por parte das administracións”. Por outra parte, están os atrancos burocráticos que foron crecendo arredor das diferentes administracións e non permiten garantir exercer os dereitos da cidadanía.

En relación a isto último, desde o gabinete de prensa de Política Social remarcan que “o Goberno galego segue a demandar o confinanciamento da Lei de Dependencia que lle corresponde ao Goberno central e que lle daría un impulso histórico á atención á dependencia na nosa Comunidade”.

Outro dato que chama moito a atención é que, dentro do marco estatal, case a metade de beneficiarios das axudas para a dependencia, un 48%, faleceron en residencias. Este dato é un indicador de que a mortandade en residencias durante o primeiro semestre de 2020 foi elevada.

GALICIA

Segundo fontes da Consellería de Política Social “os datos do mes de xullo de 2020, último informe publicado ata o momento, sitúa a Galicia como cuarta comunidade con mellor ratio de atención á dependencia, cun 91,52% de beneficiarios dunha prestación”. Así, das 67.717 persoas que teñen dereito a unha prestación por dependencia en Galicia, “61.976 están sendo atendidas a través dun servizo ou prestación”.

Segundo datos facilitados por CCOO a Galicia Confidencial, a nosa comunidade aumentou un 12,8% o exceso de mortalidade entre personas con solicitude de dependencia entre marzo, abril, maio e xuño de 2020. O número total de mortes foi de  438 persoas falecidas con solicitude de dependencia.

Logo están as persoas beneficiarias con prestación de dependecia falecidas. Este colectivo é o que ten solicitude de dependencia, xa foron valorados e teñen recoñecida a súa dependencia ademais de teren cobrado polo menos unha prestación. Dentro deste apartado Galicia, cun exceso de 20,3% de falecementos sobre as cifras estimadas, tivo 539 persoas beneficiarias con prestación falecidas por riba do esperado.

Sobre a situación das solicitudes, os principais indicadores para Política Social da Xunta son que “hai 12.640 persoas pendentes de resolver  o seu expediente de valoración. En 2018, a estas alturas do ano, superaban os 15.000 os expedientes pendentes. Hai que ter en conta que este descenso produciuse aínda que se incrementaron o número de solicitudes de valoración nun 12%: 36.300 en 2019 fronte ás 32.303 cursadas en 2018”.

A día de hoxe e coa situación de rebrotes pola COVID, os axentes implicados en dependencia ven complicada a mellora da situación, polo menos se non se invisten máis recursos para acoller aos grandes dependentes e xente maior. De momento os centros de día están pechados, as residencias para maiores están no punto de mira, sobre todo as privadas, logo das cifras de mortes por coronavirus.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

1 Gamela

E ante tanta marabilla cando aprobarán a Lei de Eutanasia ? Tamén para morrer temos que pagar en Suiza ?

1 Gamela

Chámanlle suicidio asistido / https://www.swissinfo.ch/spa/m%C3%A...