Galicia supera xa o milleiro de casos activos de Covid-19, con 115 novos positivos nun día

618 corresponden á área da Coruña e Cee, 74 máis que a xornada pasada. Os hospitais galegos, sen pacientes con coronavirus en UCI mentres soben a 42 os ingresados.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 14/08/2020 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

O número de casos activos de COVID en Galicia segue en aumento e supera o milleiro, ao situarse en 1.053, despois de sumar 115 máis este venres —tras subir en todas as áreas sanitarias salvo na de Santiago—, dos que 618 corresponden á da Coruña e Cee (74 máis que a xornada pasada).

Test COVID-19 en Galicia
Test COVID-19 en Galicia | Fonte: Xunta de Galicia.

Así se reflicte nos datos actualizados este venres pola Consellería de Sanidade, que indican que do total de pacientes positivos, 42 permanecen en unidades de hospitalización convencional —dúas máis que este xoves—, mentres que xa non hai pacientes en UCI e 1.011 atópanse en seguimento domiciliario --114 máis respecto da xornada pasada--.

Dos 1.053 casos activos, 618 corresponden á área da Coruña e Cee —74 máis que este xoves—; 99 á de Lugo —seis máis—; 134 á de Vigo —16 máis—, 52 á de Pontevedra e O Salnés —un máis—; 73 á de Ourense —13 máis—; 42 á de Santiago —un menos— e 35 á de Ferrol —seis máis—.

Sanidade indica que, ata o momento, curáronse en Galicia 11.527 persoas, 21 máis que a xornada anterior, e faleceron 623 pacientes. A última vítima mortal notificada foi un home de 90 anos falecido en Ourense relacionado cun brote en Vilar de Barrio.

Dos 11.053 casos activos, dous están vinculados a centros residenciais, en relación a dous profesionais e xa non hai usuarios afectados.

O número de PCR realizadas ata a data en Galicia ascende a 274.812 fronte ás 272.115 contabilizadas ata este xoves, indicou Sanidade.

RESIDENCIAS

As residencias galegas mantéñense este venres con dous traballadores das localidades lucenses de Xove e Paradela infectados con coronavirus COVID-19, mentres que xa non teñen usuarios afectados.

Así o informaron este venres as consellerías de Sanidade e Política Social, que indicaron que se curaron os tres usuarios da residencia de maiores DomusVi Matogrande da Coruña infectados, polo que a día de hoxe non hai ningún residente positivo nas residencias de maiores e de atención á discapacidade de Galicia.

HOSPITAIS

Os pacientes con coronavirus COVID-19 ingresados en hospitais de Galicia ascenden a 42 este venres --32 deles na área da Coruña e Cee--, ningún deles en Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

Segundo os datos facilitados polas áreas sanitarias este venres, na da Coruña e Cee, dos 618 casos activos, 32 permanecen ingresados, 29 en planta do Chuac, dous no Hospital Quirón e un no San Rafael. Ademais, rexistráronse outras 12 altas e realizado 772 PCR.

Na área de Vigo hai 134 pacientes con COVID-19, dos que dous se atopan en unidades de hospitalización no Hospital Álvaro Cunqueiro, mentres 132 permanecen en seguimento no seu domicilio. Ata a data curáronse 2.231 pacientes.

Mentres, na área sanitaria de Ourense os casos activos ascenden a 73, dous deles pacientes ingresados no HUO e 71 en seguimento a domicilio. Ata a data, esta área suma 2.108 casos, 1.901 pacientes curados e 134 falecementos. As PCR sitúanse en 38.031.

Na área de Lugo, A Mariña e Monforte os casos activos sitúanse en 99 --seis máis que este xoves--, dos cales catro persoas están hospitalizadas --dúas no HULA, unha no Hospital Público de Monforte e outra no Hospital Público da Mariña--, mentres 95 permanecen en seguimento domiciliario. Ata a data na provincia luguesa rexistráronse 29 falecementos e 1.249 persoas de alta ou curadas.

Pola súa banda, na área de Pontevedra e O Salnés non hai pacientes con COVID ingresados e os 52 casos que rexistra evolucionan nos seus domicilios, un máis que o xoves. Desde o inicio do plan de continxencia da COVID-19 curáronse 931 pacientes --sen cambios con repecto á xornada pasada-- e faleceron con este virus 16 persoas.

Na área de Santiago e Barbanza hai 42 casos activos --un menos que este xoves--, dous deles un paciente hospitalizado. Ata a data rexistráronse 1.834 curados e realizado 40.963 PCR.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta