Incendios en Galicia: maior concentración espacial no outono e inverno e máis numerosos e devastadores en agosto

Un estudo científico pide ás autoridades adaptar as políticas antilumes a estas diferenzas temporais e xeográficas.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 25/08/2020 | Actualizada ás 22:01

Comparte esta noticia

“A ocorrencia de incendios en Galicia presenta tanto unha desigualdade espacial ao longo dos diferentes meses do ano como unha desigualdade temporal ao longo dos diferentes distritos forestais”. Esta é a principal conclusión dun novo estudo científico no que se evidencia que “hai unha alta concentración espacial de incendios nos meses de outono e inverno, e unha concentración moito menor nos meses restantes”.

Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Inferno desatado en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: © Miguel Núñez.

Os resultados do estudo, realizado por estatísticos da Universidad Complutense de Madrid, acaba de ser publicado na revista científica Forests, con datos mensuais entre os anos 2006 e 2015 para cada un dos 19 distritos forestais galegos.

O que atoparon os autores é que “os incendios forestais en Galicia teñen varias tendencias temporais e espaciais”. Unha variabilidade que, na súa opinión, “débese ter conta para deseñar políticas forestais máis eficientes”.

O seu obxectivo foi coñecer os meses nos que os lumes se concentran máis nos distritos xeográficos administrativos das provincias galegas, e a elasticidade de cada mes con respecto á concentración global.

A “homoxeneidade relativamente baixa” dos lumes durante os meses de verán leva aos expertos a suxerir ás autoridades que implementen unha política de incendios forestais “homoxénea en todos os distritos galegos” durante esa estación e, “en particular, de máxima alerta durante agosto”, considerado o “mes máis sensible”, xa que “mostra o maior número de incendios e de área afectada, pero cunha concentración baixa”, aínda que tamén aconsellan que este enfoque se estenda entre os meses de abril e outubro.

“Os meses de novembro, decembro, xaneiro e febreiro mostran menos incendios forestais, pero cunha alta dispersión xeográfica. Nestes meses, a política de extinción de incendios debería inclinarse cara a unha forza de intervención contra incendios relativamente pequenos, pero altamente móbiles”, detallan.

Finalmente, destacan que o mes de marzo é “o máis problemático desde o punto de vista político”, xa que “marca o comezo da tempada de incendios forestais, cunha contribución superior á media, pero cunha desigualdade xeográfica bastante alta. Por tanto, indicaríase un enfoque híbrido neste mes”, expoñen.

En resumo, con respecto á concentración espacial, os meses de inverno “contribúen relativamente pouco ao número total de incendios e a área afectada, pero teñen unha alta concentración xeográfica de incendios”, polo que se necesitarían “plans específicos para estes meses” tendo en conta eses patróns, mentres que para os de verán debería aplicarse unha “política pública xeral” pola “baixa inhomoxeneidade espacial”.

PATRÓNS TEMPORAIS

Con respecto aos patróns temporais detectados, os autores do estudo acharon que “a maioría dos distritos rexistran unha gran desigualdade temporal na ocorrencia de incendios”.

A falta de homoxeneidade dos incendios é máis forte “no eixo vertical a través das provincias de Lugo e Ourense”, comezando desde o distrito VI (A Mariña), ata o distrito  XII (Miño - A Arnoia), así como o  XV (A Limia) e  XIV (Verín - Viana), coa excepción do distrito VIII (Terra de Lemos).

Tamén se atoparon “importantes faltas de homoxeneidade” nos distritos coruñeses V (Fisterra), III (Santiago – Meseta Interior) e, “especialmente”, o IV (O Barbanza) e o distrito contiguo  XVI de Pontevedra (Deza – Tabeirós).

O patrón destes dous grupos xeográficos, apuntan os investigadores, é “máis ou menos” similar.

Unha das conclusións deste traballo é que “a maioría dos distritos teñen potencial débil para modificar a distribución temporal global galega”. Con todo, as diferenzas relativas entre os distritos mostran algúns patróns que consideran “interesantes”.

Subliñan, por exemplo, que os distritos da Coruña teñen en media concentracións de incendios lixeiramente máis baixas, pero cunha gran variabilidade. “Esta gran variabilidade significa que os patróns de incendio nestes distritos deben ser  monitorizados e seguidos coa maior precisión posible, mesmo máis que noutros distritos, para adaptar as políticas públicas nestes distritos ás circunstancias de cada ano”.

Pola contra, os distritos de Ourense, que en media teñen a maior contribución ao número total de incendios e a área afectada en Galicia, teñen “medias aínda máis altas de inhomoxeneidade e maior elasticidade, pero son máis estables (menor variación)”, polo que aconsellan que a política pública, aínda que adaptable de mes a mes, en principio podería ser estable de ano a ano.

Os investigadores apuntan que os distritos con “maior potencial para influír nas  inhomoxeneidades globais en Galicia e que, “por tanto, merecen unha atención especial por parte dos responsables políticos” son os ourensáns de Miño-A Arnoia e A Limia, e o de Bergantiños-Mariñas Coruñesas.

“A redución do número e área afectada polos incendios forestais neses distritos afectará máis fortemente o indicador xeral de falta de homoxeneidade. Por tanto, estes distritos deben ser seleccionados para políticas intensas de prevención de incendios, tales como educación da poboación local, selección de plantacións, corredoras devasas e incendios prescritos”, argúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta