A área da Coruña fará o cribado a colectivos especialmente expostos a partir deste luns

O conselleiro de Sanidade indicou que as probas a persoas de entre 18 e 40 anos comezarán tamén a semana que vén.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/08/2020 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

A área sanitaria da Coruña e Cee comezará este luns co cribado centrado en colectivos especialmente expostos ou sensibles e concedeu citas para realizar probas nos concellos de Abegondo e Bergondo.

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou o mércores, tras a reunión do comité técnico, unha serie de medidas para a zona, que é a máis afectada na actualidade pola COVID-19 e concentra máis do 60 por cento dos casos activos. Entre as propostas están realizar unha serie de PCR a colectivos expostos e a persoas no grupo de idade entre os 18 e os 40 anos.

Fontes sanitarias indicaron este domingo que, ademais de manterse as actuacións establecidas ata o momento, mañá comezan estas probas, para o que se utilizarán as listaxes proporcionadas polos concellos.

Pola tarde, os equipos realizarán as probas en Abegondo e Bergondo e ao longo da semana a área sanitaria avanzará nas tarefas noutras zonas para logo incorporar a outras persoas de distintos grupos e colectivos ao cribado.

O sábado, destacaron as mesmas fontes, fixéronse 1.092 probas PCR na área sanitaria, que ten 778 casos activos na actualidade.

O conselleiro de Sanidade en funcións, Jesús Vázquez Almuiña, explicou este domingo, nunha entrevista coa Radio Galega, que o obxectivo é facer probas a colectivos con "contacto diario con poboación", como policías e traballadoras do servizo de axuda no fogar, e tamén a "os máis novos".

As probas a persoas de entre 18 e 40 anos comezarán tamén a semana que vén, dixo e apuntou que, en conxunto, poderían alcanzarse as 40.000 probas na área sanitaria con este sistema. O obxectivo é atopar "pacientes asintomáticos" que poderían transmitir a enfermidade sen sabelo, expuxo.

Fotos Xunta. Rp. Sanidade.. Xunta de Galicia - Arquivo
Fotos Xunta. Rp. Sanidade.. Xunta de Galicia - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta