O BNG pide pechar e declarar o estado de emerxencia sanitaria na Coruña

Pontón afirma que "alguén ten que explicar" por que se pechou A Mariña sen transmisión comunitaria e agora non se fai "nada" na Coruña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/08/2020 | Actualizada ás 13:09

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, emprazou á Xunta a que declare o estado de emerxencia sanitaria, que permite "unha maior capacidade de actuación e de coordinación de medios" fronte ao coronavirus.

En rolda de prensa este martes, Pontón lembrou que esta é unha medida que "xa se adoptou e que debería recuperarse", porque pode "permitir mobilizar máis efectivos". Sinala que é "un mecanismo que lle ofrece ao Goberno galego "tomar decisións sobre mobilidade" e "coordinar a resposta".

E é que advirte de que a Xunta "ten que tomar decisións" na área da Coruña, con test "masivos" ao conxunto da poboación e "medidas máis drásticas en relación coa mobilidade que permitan frear a cadea de contaxios".

A este respecto, a líder do Bloque considera que "alguén ten que explicar" por que no seu momento o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tomou a decisión de restrinxir a mobilidade na Mariña, "con 106 casos e sen transmisión comunitaria", mentres "non fai absolutamente nada" na área da Coruña, "con máis de 800 casos e transmisión comunitaria".

Nesta liña, remarca que "o propio Goberno recoñece que hai transmisión comunitaria", polo que as medidas implementadas "xa non serven", de modo que a líder nacionalista censura "a irresponsabilidade por non facer nada".

ACUSA Á XUNTA DE "IMPROVISACIÓN"

Tras ofrecer a "man tendida" á colaboración nunha "situación moi delicada", acusou á Xunta de "improvisación", xa que "non está a actuar con criterios claros e homoxéneos". Ana Pontón incide en que a Xunta e Feijóo "teñen que porse á fronte desta pandemia". "As decisións de hoxe son as que salvagarden e eviten os contagios de mañá", avisa. De tal forma, a líder nacionalista requiriu a Xunta e Goberno que "deixen de porse de perfil", "asuman a súa responsabilidade" e non pretendan "escorregar o vulto".

Na súa intervención, Pontón lanzou unha serie de propostas para afrontar a COVID-19 con "máis garantías" en Galicia. Avisa de que "é evidente" que non hai "suficientes rastreadores", mentres Feijóo "falsea" a realidade ao falar de 6.000 persoas e incluír a todo o persoal de Atención Primaria. Acusa á Xunta de actuar con "opacidade" nos datos e pide "máis transparencia".

Recrimina que a Xunta "segue sen aclarar cantas persoas ten contratadas" para o rastrexo, á vez que os estudos arroxan que Galicia "non é capaz de detectar a orixe no 73% dos casos". Tamén chama a "blindar" as residencias de maiores e a destinar 200 millóns de euros a un plan de reforzo da Atención Primaria.

Ana Pontón
Ana Pontón | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

1 Sentidiño

O que pide esta señora é razoable, ten lóxica. Mais agora opinarán os que a chaman "Pontona" e os conspiranoicos da up5G...

1 Gamela

O malo desta señora é que no le o DOG (agás a sección Nomeamentos!) http://www.galiciaconfidencial.com/...

2 Sentidiño

Meu dito, meu feito.