Temas: MúSICA

A serie “As Raíces da Galicia Industrial” bate marcas de audiencia na TVG

En trece documentais repasa a memoria industrial en entrevistas, documentos e imaxes inéditas.

Por GC Tendencias | Galicia | 14/03/2013 | Actualizada ás 09:10

Comparte esta noticia

Unha serie sobre a historia da industria en Galicia ven de colleitar unha audiencia pouco común en documentais. “As Raíces da Galicia Industrial”, realizada por Productora Faro para TVG, marcou un 17,3 por cento de share na súa estrea o pasado sábado, en horario de sobremesa. A cifra racha cos tópicos sobre os gustos dos espectadores para os documentais de corte histórico.

Imaxe do documental
Imaxe do documental

Dirixida por Xixela Franco, é unha aposta da TVG polo xénero documental desde unha perspectiva amena e divulgativa. A serie presenta imaxes –en ocasións inéditas- dos grandes arquivos galegos, como o Arquivo Pacheco, o Museo Massó, o Museo de Pontevedra e, sobre todo, coleccións particulares e fondos audiovisuais das grandes empresas galegas, algunhas aínda hoxe puxantes, outras desaparecidas. Cara A e Cara B dunha historia apaixonante.

Ao longo de 13 capítulos, de media hora de duración, “As Raíces da Industria Galega” percorre a historia dos principais sectores produtivos galegos, da pesca a automoción ou da conserva ao téxtil, recollendo os personaxes, fitos, grandes éxitos e fracasos da arela fabril do país.

Participan na serie expertos na historia industrial galega como os catedráticos Xoán Carmona, da USC, e Luis Alonso, da UDC, xunto a investigadores e fontes primarias como empresarios, cadros directivos e traballadores que viviron os mellores e peores momentos de cada empresa.

O primeiro capítulo, titulado “Unha arela común”, resumiu os grandes fitos da industria galega e súas características. Un país rico en materias primas e cun déficit histórico en comunicacións. Unha revolución industrial que xurde do empeño de empresarios pioneiros. A loita polos capitais e os mercados. Os xeitos e os porqués dos fracasos. E os trunfos que xurdiron da tradición pesqueira, conserveira ou téxtil.

Ao longo dos seguintes 12 capítulos, que TVG emite os sábados, ás 15.30 horas, “As Raíces da Galicia Industrial” percorrerá sectores como a salgadura e a conserva, o naval, o téxtil, a minería, a industria alimentaria, a electricidade, os balnearios, o sector químico, etc...

Por que Citroën escolleu Vigo? Fundouse a central de As Pontes como unha fábrica de combustibles? Puido ter Lugo a gran industria do automóbil galega? Quen creou unha industria farmacéutica colleitando centeo? Estivo en Cervo o primeiro alto forno de España? Foi a do Ézaro a primeira central hidroeléctrica? Como creou Moisés Álvarez un imperio da cerámica? Canto lle pagou Regojo a Salvador Dalí para facer camisas co seu nome? Chegou o fútbol a Galicia co Cable Inglés? Que fixeron os nazis co wolfram galego? Quen inventou o primeiro buque conxelador? Puido ser Barreiros o Henry Ford galego?

Todas as respostas e moitas máis están en “As Raíces da Galicia Industrial”, unha serie documental de estrea na TVG cunha audiencia do 17,3%. Rachando cos tópicos do documental... Páxina 2 de 3 Arquivo Pacheco Productora Faro,

Temas: MúSICA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 eusi

É pena que eu non vexa ese canal tan mediatizado politicamente. Cando volvan repoñela, en tempo mellores, talvez a vexa.

1 André

Estando Faro polo medio...ufff...