Fronte común contra o "pasotismo" de Educación e as "carencias" do protocolo para as aulas

A plataforma #opóñomeaestaopo únese a anpas e sindicatos nas súas críticas ó regreso ás aulas "a custe cero" da Xunta.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/08/2020 | Actualizada ás 21:25

Comparte esta noticia

Fronte común na comunidade educativa contra o modelo de regreso ás aulas impulsado pola Consellería de Educación. Ás denuncias que veñen impulsando semana tras semana sindicatos e anpas úneselle agora a plataforma #opoñomeaestaopo, que agrupa ós docentes que ao longo do confinamento se manifestaron en contra da celebración das oposicións de educación por consideralas un risco para a saúde.

Aula baleira. ANPA IES DE BRIÓN - Arquivo
Aula baleira. ANPA IES DE BRIÓN - Arquivo

A plataforma docente presta o seu apoio ás principais demandas que nais, pais, sindicatos e profesores levan facendo chegar á Consellería dende hai semanas. Así, critican que a distancia disposta para as aulas sexa "mínima" e que, por riba, tome os centros das cadeiras, de xeito que a separación "non se dará nunca entre o alumnado, que estará a unha distancia dos seus compañeiros aínda menor", como publicou Galicia Confidencial.

Do mesmo xeito, afean ó órgano autonómico que a responsabilidade de diagnosticar ós rapaces caia sobre os docentes. "Como pode un docente ou un familiar saber si un rapaz/a mostra síntomas de Covid-19? Cada canto se lle farán as probas serolóxicas aos docentes? Cal será o proceder na realización de probas ao persoal que cubra unha substitución se esta se lle comunica o día anterior?", pregúntanse. Asimesmo, acusan á Xunta de pedir "a menor rotación posible do persoal" cando a Consellería de Educación, apuntan, ten a práctica "cada vez máis frecuente" de contratar profesorado itinerante, é dicir docentes cuxo horario se reparte en varios centros. 

DEMANDAN MÁIS INVESTIMENTO

Para #opoñomeaestaopo, o protocola da Xunta está "desprovisto de intencionalidade para reducir ao máximo o risco" por impulsar un regreso ás aulas "a custe cero", sen ampliar investimento. "É coherente prohibir reunións de máis de 25 persoas e logo planificar aulas con máis de 25 persoas nun espazo pechado e reducido?", destacan os docentes. 

Ante esta circunstancia, demandan un regreso ás aulas que sexa "seguro" e "sen improvisar", uns requerimentos que para a plataforma pasan necesariamente por conseguir aulas "menos numerosas" que se terían que levar a cabo "con contratación de persoal", como eles mesmos recoñecen. "Cando se fala de seguridade e saúde da comunidade educativa e a últimas, de tantas e tantas familias, pouco é o investimento que se pide", conclúen.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta