Temas: FRASEOLOXíA

“Caer de bruzos # de nefres # de fociños”, equivalentes á locución castelá “caer(se) de bruces”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 23/08/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Transitando pola senda principiada no pasado artigo, imos ver desta volta varias expresións que dan conta do mesmo significado cá secuencia castelá caer(se) de bruces.

Fociño de porco celta
Fociño de porco celta | Fonte: paulapez

Caer(se) de bruces

{= Caer alguén para diante coa faciana en dirección ó chan, ou mesmo batendo coa parte frontal da cabeza ou coa faciana no chan.}

Caer de bruzos

Caer de nefres

Caer de fociños

[E MESMO]:

Caer de peteiros

Ex.: Intentó saltar la valla, pero tropezó y se cayó de bruces.

Tentou choutar o valado, pero tropezou e caeu de bruzos de nefres de fociños de peteiros.

Ex.: No bajéis tan rápido las escaleras, que como caigáis de bruces os matáis.

Non baixedes tan lixeiros as escaleiras, que como caiades de bruzos de nefres de fociños de peteiros matádesvos.

● E mais tamén:

Caer(se) de morros

Caer de morros

NOTAS:

1. Naqueles casos en que o resultado final da caída é que se dá coa parte frontal da cabeza ou coa faciana contra o chan ou contra algún obxecto, no canto de caer de bruzos pódense usar locucións verbais do tipo de bater # petar # dar # pegar de bruzos (con/contra algo ou alguén):

Ex.: Intentó saltar la valla, pero tropezó y se dio de bruces.

Tentou choutar o valado, pero tropezou e caeu # bateu # petou # deu de bruzos de nefres de fociños de peteiros.

Ex.: Le metieron la zancadilla y se dio de bruces contra el coche.

Puxéronlle a cambadela e caeu # bateu # petou # deu # pegou de bruzos de nefres de fociños de peteiros contra o coche.

2. A voz nefres está recolleita oralmente coa variante nefes.

3. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.

- García González, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe (1985). Universidade de Santiago, Verba, anexo 27. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Groba Bouza, Fernando: “Nas uñas, nas mans ou nos pés has saír a quen es”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 16, 2014, páxs. 357-437. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Hermida Alonso, Anxos: “Fraseoloxía de Matamá (Vigo)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 283-304. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “Hai cousas que parecen lousas. Unha nova achega á fraseoloxía do Cachafeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 18, 2016, páxs. 211-247. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 JL Gómez

David Bruzos leva a caída perpetua no primeiro apelido...

1 Fidel

Tanta leria pra dicir "afuciñar"?