O BNG promete "man tendida" a Feijóo aínda que ten un programa "oposto" de goberno

"Neste momento non valen de nada seguidismos partidistas, oposicións inútiles ou maiorías absolutas cegas e xordas", destaca Pontón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/08/2020 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

A líder do BNG, Ana Pontón, trasladou este luns ao xefe do Lexislativo galego, Miguel Santalices, que a súa formación non presentará candidato á sesión de investidura que acollerá a Cámara galega a semana que vén nin tampouco apoiará a Alberto Núñez Feijóo porque ten un programa "oposto" ao dos nacionalistas.

Tras reunirse con Santalices, no marco da tradicional rolda de consultas parlamentarias previa á investiura, Pontón trasladou aos medios que hai "moitas diferenzas" entre os programas do BNG e do PP, cuxas políticas identificou con "os recortes" e "privatización" dos servizos públicos --co foco en educación e sanidade--.

En fronte, o Bloque fíxase o reto de traballar para "blindar" os servizos públicos e traballar para que en 2024 haxa "un cambio" liderado por esta formación, que representa "que outra forma de entender a política e outra Galicia é posible".

En todo caso, comprometeu unha "oposición construtiva" e de "man tendida" porque a vontade do BNG é traballar para lograr "grandes acordos a favor de Galicia" nun contexto marcado pola COVID-19.

"Neste momento non valen de nada seguidismos partidistas, oposicións inútiles ou maiorías absolutas cegas e xordas. Desde a diferenza, traballaremos a favor de Galicia e pondo por diante os intereses do noso país. Aquí está a man tendida do BNG para sacar adiante Galicia", sentenciou Pontón.

"ATAQUES Á LINGUA E CULTURA DE GALICIA"

Na súa intervención, Pontón tamén advertiu que o programa do PP serviu para "destruír gran parte do tecido industrial, para enviar a miles de persoas á emigración" e para non apostar pola posta en marcha de medidas contra o cambio climático.

Así mesmo, situou dentro dos "acenos de identidade" do PP "os ataques á lingua e cultura" de Galicia "asfixiando" as políticas de normalización lingüística. O BNG pelexará por reverter esta situación e, ademais de "blindar os servizos públicos", defender enerxías alternativas, a innovación e un modelo económico que favoreza "o desenvolvemento e benestar".

Tamén traballará para que Galicia teña "máis autogoberno" e xestione os seus recursos para enfrontar o reto da COVID-19.

Ana Pontón e Miguel Santalices antes do seu encontro no marco da rolda de consultas para a investidura.
Ana Pontón e Miguel Santalices antes do seu encontro no marco da rolda de consultas para a investidura. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

En resumo pasarán 4 anos cobrando e agardando ver se Feijoo escorrega na bañeira e se parte a crisma ? https://es.wikipedia.org/wiki/Parla...