O PSdeG reta a Feijóo a aceptar unha investigación na Cámara sobre residencias

Caballero insta o presidente galego a estar "á altura" e que apoie a comisión para evitar que se repitan "os erros" da primeira onda.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/08/2020 | Actualizada ás 13:22

Comparte esta noticia

O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou que o seu grupo pedirá no Parlamento unha comisión de investigación para aclarar o ocorrido nas residencias de maiores, centros que sufriron o maior impacto na pandemia do coronavirus, e retou ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a apoiar esta iniciativa e saldar "unha débeda moral" coas familias dos falecidos.

Acompañado da deputada Marina Ortega, o dirixente socialista lembrou a incidencia da primeira onda da COVID-19 nas residencias, "foco de moitos contaxios", e centros que sufriron o impacto dun número elevado de falecementos. Por iso, baixo o seu punto de vista, é preciso analizar o ocorrido e extraer conclusións para "aprender de todos os erros".

"Debemos aos galegos unha investigación e unha aclaración", esgrimiu, antes de subliñar que o Grupo Socialista instará a activación na Cámara dunha comisión de investigación. Caballero puxo o foco en Feijóo e nos populares, e insistiu en que deben "asumir a responsabilidade" e apoiar esta iniciativa como grupo maioritario no Pazo do Hórreo.

QUE FEIJÓO ESTEA "Á ALTURA"

Nun contexto marcado polos rebrotes --uno deles afecta a un elevado número de usuarios da residencia do Incio, en Lugo, precisamente--, ambos os dirixentes socialistas subliñaron que este debe ser "un tema central" no arranque do curso político e do XI Lexislatura.

En todo caso, Caballero evitou adiantar movementos no caso de que o PPdeG vete coa súa maioría absoluta esta iniciativa. E é que a oposición ten a opción de, unha vez en toda a lexislatura, activar automaticamente unha comisión de investigación sobre un asunto concreto. Pero facelo esixe o respaldo dun terzo dos 75 deputados que conforman o arco parlamentario galego, polo que os socialistas (con 14 escanos) terían que falar co BNG (que ten 19).

Polo momento, o dirixente socialista deu a entender que a fase é previa e insistiu en que, antes de abordar outros mecanismos parlamentarios, entende que o PPdeG debería "cambiar a súa actitude" en relación ás comisións de investigación. "Queremos que entenda que hai preocupación social nas residencias e que é preciso corrixir os erros detectados", manifestou. Ao seu xuízo, o PPdeG é "o primeiro interesado" en activar esta comisión, xa que ten "unha débeda cos galegos". Sería, advertiu, "unha comisión de carácter construtivo".

Gonzalo Caballero e Mariña Ortega en rolda de prensa.. PSDEG
Gonzalo Caballero e Mariña Ortega en rolda de prensa.. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta