A MICE acolle a estrea de "Xoves de Comadres" de Noemi Chantada

A estrea será este mércores 26 de agosto as 22:00 no Parque de Bonaval.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2020 | Actualizada ás 11:49

Comparte esta noticia

Nesta segunda xornada da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego terá lugar ás 22:00 da noite no Parque de Bonaval a proxección de tres curtas Impropias, sección centrada na memoria tanto histórica como das mulleres. As entradas para estas sesións están esgotadas. 

Xoves de Comadres de Noemi Chantada fará a súa estrea na MICE.
Xoves de Comadres de Noemi Chantada fará a súa estrea na MICE. | Fonte: Museo do Pobo Galego

Coincidindo coa súa estrea nesta edición de 2020 do Festival de Málaga chega a Bonaval Xoves de Comadres de Noemi Chantada, curtametraxe que vén de gañar a Mostra de Cinema Rural al Pallars e que terá na MICE a súa estrea galega.

Nesta sesión tamén se proxectará De monstruos y faldas, da realizadora e investigadora Carolina Astudillo, unha obra que foi galardoada como Mellor Documental Experimental no Female Eye Film Festival de Toronto en 2009. E, por último, Santa Baia de Montes, da ourensá Sabela Souto, unha peza que nos traslada ao concello de Cualedro onde os veciños e as veciñas están fartas de recibir medios de comunicación que só queren información sobre os incendios que se repiten ano tras ano.

MICE EN LIÑA

A programación continúa este mércores 26 de agosto coa programación da MICE en liña na que se porán a disposición do público outras catro novas películas internacionais na canle de Vimeo do Museo do Pobo Galego. Estes documentais e filmes son: How about having a fascination of mind? das directoras de Katti Jisuk Seo e Finnja Willner, Khatemeh de Mehdi Zarei e Hadi Zarei, Quartier Nomade da belga Alexandra Rice e Une nouvelle ère de Boris Svartzman.

Estas obras estarán dispoñibles para visualizar na canle de Vimeo durante 48 horas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta