Un home co que comezou a saír por Facebook estáfalle 50.000€: "non sabía que estaba casado"

O denunciado, de orixe senegalés, aseguroulle que precisaba diñeiro para regularizar a súa situación e "comezar unha vida con ela". En realidade, o home tiña parella e dous fillos.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

2010, un hostal do centro da Coruña e varios miles de quilómetros entre ambos. Estes serían os ingredientes principais da historia padecida por Iolanda Cabanés (45) a mans de Marsene Gaye (37), un home procedente de Senegal que actualmente reside en Vimianzo. Segundo relata a muller, de orixe catalá, Masene teríalle estafado uns 50.000€ baixo a premisa de "construír unha vida con ela" cando en realidade estaba casado e tiña dous fillos.

Billetes
Billetes | Fonte: arquivo

A turbulenta traxectoria de Marsene e Iolanda arranca en 2010 cunha conversa de Facebook. El reside en Calpe, Alicante, e ela en Londres. As mensaxes na rede social rematan levando a unha relación sentimental que, segundo subliña Iolanda, non era a primeira mantida co hoxe denunciado. "Xa estiveramos xuntos, pero eu deixeino logo dun episodio de violencia doméstica polo que perdeu os papeis", explica.

A retirada da súa condición legal sería a orixe da "vinganza" que, segundo Iolanda, Marsene perpetraría contra ela a partir dese ano 2010. A relación entre ambos estréitase logo de "encontros esporádicos" -así reza na denuncia ante xulgado de garda- nun hostal do centro da Coruña, cidade na que por aquel entón residía Marsene. Iolanda, que entón seguía vivindo en Inglaterra, desprazábase dende Londres á cidade herculina para ver ó home. "Contábame que tiña unha habitación alugada cos seus amigos e por iso era mellor vérmonos no hostal. En realidade vivía coa muller", explica.

50.000€ "ESTAFADOS"

É pouco despois dos seus encontros puntuais que Masene comeza a pedirlle cartos á denunciante. "Dicíame que estaba sen nada, que precisaba cartos para regularizar a súa situación e así poder comezar unha vida comigo", explicou. Así, a muller comezou a facerlle transferencias ó denunciado, sumando unha cantidade total de 50.000€ ós que habería que engadir o alugueiro dunha vivenda propiedade da muller que o propio Marsene se tería adxudicado.

O conflito entre ambos dá comezo cando Iolanda chega á conclusión de que Masene mentira sobre a súa situación. "Eu sospeitaba que non me estaba a dicir a verdade, así que agreguei a un familiar seu no facebook cunha conta falsa e comprobei que tiña muller e dous fillos", explica. Iolanda, que nese momento dixo sentirse "dobremente enganada" tentou confrontar entón ó presunto estafador, que nun principio dixo "non querer nada" coa muller. "Díxome que era certo que tiña fillos con ela pero que quería estar comigo", recorda.

Uns meses despois, Masene tería recoñecido o fraude nunha conversa telefónica a partir da cal Iolanda se decidiu a interpoñer unha denuncia contra el e a súa muller. "Ela tiña que sabelo todo tamén", explica. A muller, que agarda ó xuízo, asegura que existen "máis mulleres" coma ela que se viron enganadas por Marsene. "Fai sempre o mesmo. Colle a mulleres que non están no país, vense esporadicamente e logo pídelles cartos. As cousas que unha fai por amor", conclúe.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta