O BNG pide unha investigación parlamentaria sobre as residencias por "xustiza e reparación"

Asociacións de familiares reclaman "transparencia" á Xunta e denuncian que non se cumpren as normas para visitar aos seus familiares.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2020 | Actualizada ás 14:55

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou este mércores no Parlamento de Galicia unha petición para crear unha comisión de investigación sobre o ocorrido nas residencias de maiores de Galicia, co fin de "corrixir erros" e de buscar "xustiza, verdade e reparación" para a sociedade en xeral e para os directamente afectados.

As deputadas Montse Prado e Olalla Rodil informaron da decisión tras reunirse con representantes do colectivo de familiares de persoas usuarias de residencias REDE, que mantiveron encontros na xornada de hoxe tamén con membros dos grupos parlamentarios do PSdeG e do PPdeG.

Prado manifestou que é necesario "corrixir o modelo" e advertiu de que os problemas nestes centros non son "pasado, son presente". "E non queremos que sexan futuro", dixo, en alusión á aparición de casos nas residencias, nas que faleceron tres persoas nos últimos días.

A Xunta, advertiu a deputada nacionalista, non pode "caer na tentación" de pensar que a pandemia é "unha paréntese e logo volver á situación previa" dun modelo "privatizador". No mesmo sentido, Olalla Rodil criticou que esta forma de xestión "converte un dereito humano nun lucrativo negocio".

Das máis de 21.000 prazas residenciais que hai en Galicia, só algo máis de 8.100 son de xestión pública, apuntou Rodil, que agregou que o Consello de Contas detectou nun informe de 2017 que non se cumprían os cocientes de persoal nin se respectaban os dereitos laborais en centros privados. A pandemia, defendeu, "ten que ser un punto de inflexión en moitos aspectos".

CRÍTICAS Ás NORMAS PARA As VISITAS

Pola súa banda, o presidente de REDE, Paulino Campos, reclamou "transparencia á Xunta" porque "aínda non se sabe cantos mortos hai en cada residencia". A comisión, dixo, debería investigar o ocorrido nestes centros nas semanas previas ao estado de alarma e tamén o que pasa "agora", posto que Galicia ten unha situación "descontrolada" de contagios.

A pesar do ocorrido nos meses de marzo e abril, criticou que na actualidade "non hai persoal" e que as empresas que xestionan as residencias "non invisten en controlar" a situación dos seus empregados, polo que reclamou "PCR periódicas".

Os membros da federación preparan tamén denuncias porque se está "incumprindo a normativa" de visitas --una ao día por cada residente e de ata unha hora-- e algúns centros "pecharon unilateralmente". "Queremos tocar aos nosos maiores", dixo e puxo como exemplo medidas aplicadas noutras comunidades para permitir unha maior proximidade física cos usuarios.

As deputadas do BNG Montse Prado e Olalla Rodil, nunha rolda de prensa co presidente de REDE, Paulino Campos, para pedir unha comisión de investigación sobre as residencias no Parlamento. BNG
As deputadas do BNG Montse Prado e Olalla Rodil, nunha rolda de prensa co presidente de REDE, Paulino Campos, para pedir unha comisión de investigación sobre as residencias no Parlamento. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta