A CIG pide autobuses para uso exclusivo de escolares para evitar contaxios pola COVID-19

"Non se pode esquecer que estamos a falar dun espazo pechado e sen ventilación, sobre todo no inverno, por máis que desde a consellería considérese que a parte de adiante está máis ventilada", subliñan desde o sindicato.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2020 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

O sector de Transporte da FGAMT-CIG demandou que os autobuses escolares sexan exclusivos para os nenos e nenas e non rutas de transporte integrado que comparten alumnos de Primaria e Secundaria con persoas adultas, moitos deles anciáns, que, como indicou, "son as que teñen maiores riscos no caso de contaxiarse coa COVID-19".

Así o explicou nun comunicado o representante da CIG Xesús María Pastoriza, que sinala que "nun momento no que se está falando das formas de transmisión, de como evitar contaxios, de como se teñen que desinfectar as zonas despois de cada uso, ou de como vai empezar a educación, non se contemplan medidas efectivas par evitar que o transporte sexa outro posible foco de contaxio".

Neste sentido, critica que a proposta da Xunta manteña a súa aposta pola "normalidade do transporte compartido" e contemple como "única medida" establecer, dentro do mesmo autobús, espazos diferenciados", de forma que os escolares suban e baixen antes ao vehículo e vaian na parte de atrás.

Sobre esta cuestión, Pastoriza puxo como exemplo un autobús de transporte compartido no que estean 15 prazas reservadas para escolares de diversas idades. "Para os menores de seis anos xa non é obrigatorio o uso da máscara, pero é que ademais, no caso do resto, non podes controlar se a quitan nalgún momento ou como a levan posta, e moito menos controlar o que tocan, non só cando están a ocupar os seus asentos senón mesmo cando acceden ao transporte", sinala.

Ademais, o sindicalista censura que "tampouco se contemplen medidas de desinfección despois de cada uso", "nin se aclare se esas prazas quedarán desocupadas ao longo da xornada ou se van entrar e saír pasando polo medio do resto de usuarios". Todo iso, así mesmo, sen "propor distancias de seguridade dentro do transporte".

"Non se pode esquecer que estamos a falar dun espazo pechado e sen ventilación, sobre todo no inverno, por máis que desde a consellería considérese que a parte de adiante está máis ventilada", subliña.

CONCURSO

Para Pastoriza queda claro que "non houbo previsión algunha por parte de consellería, nin se abordou a cuestión da educación na súa integridade, atendendo a todo o que contempla, desde os propios centros ata como chegan os mozos a estes".

Ademais, lembrou que a Xunta puxo en marcha a segunda fase dos novos contratos de transporte de viaxeiros. "O ano pasado puxo en marcha 99 contratos e agora acaba de pór 29. Deses 29, 10 xa están adxudicados e empezarán a traballar co curso escolar", indica a CIG, que sinala que, "precisamente, os que levan as 86 rutas de transporte escolar integrado levan a un total de 10.600 nenos e nenas de Primaria e Secundaria de todo o país".

Ante iso, sinalou que a CIG xa pediu á Xunta, a través do Centro de Coordinación Operativa (CECOP), que eses contratos, en lugar de empezar a operar agora, esperen ata decembro, cando está previsto o resto, e que se garanta que os estudantes vaian nun transporte exclusivo e non compartido".

Por todo iso, critica que a "falta de previsión" e "a priorización do aforro fronte á saúde" leva ao PP "non só manter esta modalidade de transporte público compartido, en lugar de aumentar a frota de autobuses, senón mesmo a decretar a ocupación de todas as prazas".

Autobús de Monbús
Autobús de Monbús | Fonte: wikimedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta