O lecer nocturno denuncia a "discriminación" das autoridades: "estannos condenando ao peche"

Representantes e propietarios de hostalaría nocturna cargan contra unhas medidas “arbitrarias” que buscan “satisfacer á opinión pública sen ter en contra criterios sanitarios”. "Pechar as discotecas levará o lecer nocturno ás festas privadas, onde non hai control nin máscaras”, din.

Por Iago Codesido | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Malos tempos para a noite. Poucas dúbidas quedan xa de que o sector da hostalaría está a recibir os golpes máis duros da actual crise económica, que segundo os expertos non fará máis que agravarse coa chegada de setembro e a tempada baixa. No seo destas malas perspectivas, o lecer nocturno vén de converterse no puntal máis damnificado do grupo, enfrontando un futuro cargado de dúbidas no que o peche é unha posibilidade ata para os máis grandes.

Discoteca. EUROPA PRESS - Arquivo
Discoteca. EUROPA PRESS - Arquivo

 

Así o apuntan representantes e propietarios da hostalaría nocturna consultados por Galicia Confidencial, que destacan a “dobre incerteza” pola que están a pasar os seus locais. Á caída de negocio derivada da covid-19 súmanse agora unhas restricións sanitarias que cualifican de “inxustas” e “arbitrarias” e que poderían levar a multitude de locais míticos das cinco cidades galegas a ‘baixar a persiana’ para sempre.

 

As limitacións criticadas por asociacións como Hostalaría Compostela ou Hosteleros de la Marina non son outras que o paquete de medidas impulsadas pola Xunta de acordo co Ministerio de Sanidade, xustificadas ante un aumento vertixinoso dos contaxios que ten o seu núcleo principal na área sanitaria da Coruña-Cee. As imposicións, en funcionamento dende a medianoite do 17 de agosto, supuxeron o peche total de discotecas, salas de baile e demais locais nocturnos; así como unha limitación de horarios para o resto de locais que terá un impacto “drástico” na súa supervivencia.

Rúa do porto deportivo de Sanxenxo nunha noite de festa
Rúa do porto deportivo de Sanxenxo nunha noite de festa | Fonte: Iago Codesido

 

FACTURACIÓN EN MÍNIMOS

 

"Estes locais están facturando un 20% do que sacaban o ano pasado"

 

Así o defende Patricia Roel, propietaria do bar La Tasca Otro Rollo, situado na localidade de Betanzos. “Antes abriamos ata as 3:30, pero agora ás 12 hai que deixar de servir e á 1 pechamos todo”, apunta. Roel sostén que, baixo estas limitacións, será “imposible” recuperar os meses de inactividade do confinamento. “E verás cando chegue setembro...”, pondera. A propietaria de La Tasca estima a caída da facturación nun “70 ou 80%” con respecto a veráns anteriores, unha aproximación paralela á debuxada por Miguel Miragoya, presidente da Asociación Jóvenes Empresarios da provincia da Coruña, a respecto dos locais desta natureza integrados na súa plataforma. “Están facturando un 20% do que sacaban o ano pasado”, calcula. 

 

A proporción, “insuficiente” en moitos casos para facer fronte ós gastos máis básicos, segue a estar por riba dos ingresos que discotecas, salas de baile e pubs están a declarar estas semanas: cero. “Así no hai futuro ningún”, pondera Luís Diz, copropietario do Grupo Pelícano, que controla a maior parte do lecer nocturno coruñés. Neste aspecto, Diz lamenta que as limitacións impostas polas autoridades “non foran acompañadas por contramedidas de axuda”. “Sentímonos abandonados”, explica.

 

GASTOS ADICIONAIS

 

Segundo relatan propietarios e asociacións, o peche forzoso do lecer nocturno chegou nun momento de especial debilidade logo dos investimentos adicionais que moitos locais fixeron para enfrontar a nova normalidade. “Houbo que cambiar o interior para adaptalo á distancia”, explica Roel, que tamén fai fincapé nun incremento de persoal “necesario para que todo se cumpra”. 

 

“Temos o triplo de carga de traballo porque poñemos en práctica todas as medidas que nos piden”, destaca Sergio Fernández, secretario da Asociación Hosteleira de Santiago de Compostela. Estas novas obrigas, apunta Fernández, deixaron ós locais nunha posición de desprotección que hoxe pasa factura: “a facturación baixa e os gastos soben. Estannos condenando a un peche case definitivo”, resume.

 

UN SECTOR “DISCRIMINADO”

 

Nunha primeira aproximación, Fernández cifra que “entre o 20 e o 30%” dos locais nocturnos de Compostela terán que baixar a persiana nos próximos meses. “No mellor dos casos poderán reconducir a súa actividade, pero trátase dunha proporción brutal”, subliña o secretario. A “inxustiza” da situación radica en que, para Fernández e o resto de propietarios, o peche forzoso do lecer nocturno constitúe unha “discriminación” contra o sector que “non obedece a criterios sanitarios” senón “mediáticos”.

 

“Trátase dunha medida claramente arbitraria”, pondera Fernández. “Baséase na relación entre o lecer nocturno e os contaxios pero non hai constancia dun informe que o probe”, destaca, nunha posición moi semellante á defendida por Luís Diz. Para o empresario coruñés, as limitacións ao lecer nocturno teñen máis que ver coa “presión social” que co “fundamento científico”. “Xa sabemos como funcionan os políticos: miran a opinión pública e de aí sacan decisións arbitrarias sen ningún tipo de base médica”, valora.

 

Ambas fontes critican a medida por decidir o peche dos locais atendendo ó tipo de licencia pola que rexe no canto de ter en conta a situación particular de cada establecemento. "Está dando lugar a situacións sen sentido", destaca Diz, que se pregunta "por que non podemos abrir tampouco as terrazas cando é o mesmo que o dos bares?". O certo é que a regulación xa está a empuxar ós hostaleiros a buscar un cambio de licencia que lles permita seguir operando, aínda cando esta transformación supoñerá abandonar un status "que custa os seus cartos conseguir", segundo defende Diz.

 

Dende o lecer nocturno vencellan a situación aludida an opinión pública ó impacto que tiveron os vídeos amosando comportamentos irresponsables ao longo das últimas semanas. Con todo, subliña o copropietario do Grupo Pelícano, “tamén se poden a persoas ateigadas nos avións e puticlubs. Se nos guiamos polas imaxes pechamos a todo o mundo”, destaca, antes de advertir que a “criminalización” das discotecas dificultará unha eventual recuperación post-pandemia.

 

O “DESCONTROL” DAS FESTAS PRIVADAS

 

Propietarios e representantes insisten en desvincularse desas imaxes subliñando que “nós defendemos o lecer nocturno e diurno con control”, en palabras de Fernández. De feito, e segundo destaca o secretario compostelán, o peche da Xunta chegou cando os establecementos da cidade “estaban a cumprir rigorosamente as restricións”, logo dun traballo de “concienciación” ós máis novos.

 

“Se pechamos o lecer regulado medrarán as festas privadas, onde mandará o descontrol”

 

Estas restricións serán as mesmas que non operarán nas festas privadas, a onde irá parar a mocidade logo do peche de bares e discotecas, segundo destacan ambos. “Se pechamos o lecer regulado, que está obrigado a cumprir a norma, medrarán as festas privadas, onde mandará o descontrol”, defende Diz, antes de destacar que esta migración “podería provocar” un aumento dos contaxios.

 

Fronte a esta circunstancia, os obxectivos do lecer nocturno oriéntanse a conseguir un paquete de medidas que garanta a supervivencia do sector, “como se faría con calquera outro”, remacha Diz. “Se a xente de Inditex ou Citroën pechase mañá queimarían Galicia de punta a punta. Agora mesmo hai máis de 20.000 persoas na rúa só en termos de emprego directo. Os medios, as institucións e a opinión pública teñen que deixar de mirar para outro lado, ou matarán ó sector”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta