Tempo de xustiza para o xesuíta e guerrilleiro vigués Fernando Hoyos

Fernando Hoyos (Vigo, 1943) foi un xesuíta formado na Teoría da Liberación que se integrou no Exército Guerrilleiro dos Pobres en Guatemala e morreu nun enfrontamento armado en xullo de 1982 sen que o seu corpo teña aparecido. Agora, Guatemala xulga ao ditador Efraín Ríos Montt e o seu colaborador e ex-militar, Mauricio Rodríguez, pola matanza de 1.771 indíxenas da etnia maia ixil entre 1982 e 1983.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 19/03/2013 | Actualizada ás 18:11

Comparte esta noticia

Guatemala asiste dende hoxe ao esperado primeiro xuízo por xenocidio e delitos de lesa humanidade contra o ditador Efraín Ríos Montt e o seu colaborador e ex-militar, Mauricio Rodríguez, acusados polo Ministerio Público deste país pola matanza de 1.771 indíxenas da etnia maia ixil en Quiché, na súa maioría cativos e mulleres, entre 1982 e 1983, cando Ríos Montt era presidente de facto e Rodríguez, xefe de Intelixencia do Exército. 

Fernando Hoyos cos seus compañeiros sacerdotes
Fernando Hoyos cos seus compañeiros sacerdotes

Unha das vítimas deste xenocidio foi xesuíta vigués Fernando Hoyos, a quen tentaron secuestrar e asasinar cando exercía o sacerdocio. Hoyos, ante a persecución á que estaba sendo sometido, decidiú sumarse á guerrilla, sendo finalmente asasinado polo exército nun enfrontamento armado, tralo cal os militares fixeron desaparecer o seu corpo.

Este é o primeiro caso no que un ex-xefe de Estado é procesado polos miles de asasinatos cometidos polo Exército guatemalteco durante a guerra interna de 36 anos.

Antes foron procesados e condenados militares de baixo rango, antigos paramilitares e policías, por violacións dos dereitos humanos ocorridos durante o conflito armado.

Nova Esquerda Galega manifestou o seu apoio decidido ás entidades querelantes neste xuízo, solicitando que se condene firmemente aos autores deste "tremendo xenocidio" cometido en Guatemala. Asemade, esta formación solicita que "se aclare a morte de Fernando Hoyos e o paradoiro do seu corpo".

O xesuíta e guerrilleiro marxista Fernando Hoyos
O xesuíta e guerrilleiro marxista Fernando Hoyos

Fernando Hoyos, un xesuíta guerrilleiro e marxista

Baixo o réxime do xeral Ríos Montt, quen chegou ao poder tras encabezar un golpe de Estado en 1982, o Exército aplicou a chamada política de "terra arrasada" sobre poboacións indíxenas ás que acusaba de colaborar coa guerrilla, no contexto da Guerra Fría. Entre as vítimas dos xenocidas tamén había xentes como o xesuíta vigués Fernando Hoyos, nado en Vigo o 24 de marzo de 1943.

Fernando Hoyos ordenouse xesuíta en 1960 e realizou estudos de Humanidades, Filosofía e Teoloxía en Universidades de Salamanca, Fráncfort, Lovaina e Madrid. Formado na Teoloxía da Liberación, ao rematar os seus estudios relixiosos na orde dos Xesuítas, elixiu como destino de Centroamérica, chegando a esta rexión no ano 1967. 

Traballou primeiro como profesor de seminaristas no Salvador e xa no ano 1972 chegou a Guatemala, onde se implicou decididamente na solidariedade cun pobo privado de dereitos, masacrado polo Exército en medio dunha pobreza e desigualdade extremas. O seu labor social e educativo deixou unha fonda pegada no país centroamericano e, en concreto, no departamento de El Quiché, zona caracterizada pola marxinación dos sectores indíxenas.

A miseria e a inxustiza que se vivía Guatemala, daquela impactaron fortemente na conciencia cristiá do xesuíta vigués. Ao pouco tempo organizou un grupo de estudo entre os seus compañeiros xesuítas, sendo a teoría marxista a base filosófica que utilizaban para analizar a realidade de América Latina. Por aqueles anos unha onda revolucionaria alentada pola revolución cubana percorría de arriba a baixo o continente americano. Fernando Hoyos naquel entón quixo sintetizar o seu sentimento cristián e a súa formación marxista para acabar para sempre cun sistema de inxustizas que o seu pensamento solidario non podía aceptar. Estes debates e preocupacións, levaron a Hoyos e a este grupo de sacerdotes a contactar cos distintos grupos da guerrilla.

Hoyos acabou por integrarse no Exército Guerrilleiro dos Pobres (EGP). O seu constante compromiso social e político puxérono na mira dos sectores da ultradereita e no ano 1977 un grupo paramilitar, vencellado a eses sectores, tentou secuestralo.

A súa pegada foi moi importante entre os máis pobres destas terras. Así, un campesiño de El Quiche dixo de Hoyos: "Era un home ben sinxelo e cando celebraba misa era ben sorinte e cada palabra que nos dicía tocaba o corazón dunha vez, tocaba a mentalidade, e, sinceramente, un cambiaba polo seu xeito de falar, o seu xeito de convivir moitas veces el quedou durmindo con nós e durmiamos así no chan. A xente preparáballe tortilla, leite e ás veces carne. Mais el non as recibía. Quería comer como a xente comía: frijolito, tortilla, ou tan só tortilla con sal", lembra Neira Vilas no libro 'Memoria da Emigración'.

Hoyos debateu politicamente durante varios anos se era xusta a vida armada para acabar coa inxustiza. Debate este que en moitos momentos foi angustioso pola súa condición de sacerdote. A represión salvaxe por parte do exército e a constante persecución por parte dos sectores reaccionarios levárono a el e ao grupo de sacerdotes a ingresar no Exército Revolucionario dos Pobres (ERP) en 1980.

"Comandante Carlos"

Ao pouco tempo destacouse como guerrilleiro e como político, sendo nomeado membro  da Dirección Nacional do ERP, a partir da súa incorporación á guerrilla pasouse a chamar, co nome de guerra de "Comandante Carlos".

Hoyos realizou durante estes anos un intenso labor entre as comunidades indíxenas, aprendeu falar o seu idioma de orixe, o maia, sendo un máis nunha guerrilla onde a participación indíxena foi maioritaria. Nos momentos libres, que non eran moitos na montaña, escribía poesía ou xogaba ao fútbol.

No mesmo libro de Neira Vilas, o escritor deu a coñecer uns parágrafos dunha carta que Hoyos lle enviou á súa irmá Pilar: "Loitamos non só pola liberdade do noso pobo,  senón de todos os pobos do mundo. Esa foi unha das cualidades desta loita, que ensancha a nosa visión e o noso interese, aínda que siga sentíndome tan galego coma antes e non esquecera palabra algunha desa lingua nin a parte de poesía que imaxino todo galego leva no corazón".

O 13 de xullo de 1982, Fernando Hoyos caeu morto nunha emboscada á beira do río San Juan. Segundo dous sobreviventes daquel enfrontamento, o corpo de Fernando foi arrastrado polas augas do río sendo imposible atopar o seu corpo.

Fernando Hoyos gañouse o cariño dos seus compañeiros de loita e do pobo Guatemalteco. A súa figura converteuse nun símbolo de loita e de heroísmo. E é que o xesuíta galego incorporou os valores indíxenas no debate ideolóxico, segundo lle recoñeceron os seus compañeiros. A desaparición e morte deste crego galego que pensou que a mellor maneira de ser cristián era compartindo a dor e a loita dos máis pobres desta terra, conmoveu aos sectores progresistas de América Latina como así tamén á súa orde relixiosa.

A organización á cal pertencía informou así da súa morte:

“Con profunda pena e dor informámoslle que o noso compañeiro de loita e irmán, Fernando, caeu en combate no mes de xullo do presente ano nas montañas revolucionarias de Guatemala.

Queremos expresarlles que ademais da dor humana que nos causa esta perda tamén significa un duro golpe para a nosa organización e para a causa do noso pobo, porque Fernando non foi só un combatente máis pola causa da liberación, a independencia, a xustiza e a paz no noso país, se non un guía ou precursor do triunfo da nosa revolución". 

Aquel comunicado remataba cun "¡Hasta la Victoria Siempre!" e foi asinado polo comandante en xefe do Exército Guerrilleiro dos Pobres.

Julián Cabrera, arcebispo da diocese do Quiché, non compartía a loita armada, mais definiu a Fernando Hoyos como "alguén con boa cabeza que coñeceu a tremenda inxustiza e quixo cambiar iso dalgún xeito". 

Agora, trinta e un anos despois do seu asasinato, a Corte Suprema de Xustiza de Guatemala ten a oportunidade de castigar a quen ordenou o xenocidio en Quiche e foi responsable do asasinato de Fernando Hoyos e da desaparición do seu corpo.

O xesuíta vigués Fernando Hoyos loitou polos dereitos dos indíxenas e dos máis pobres en Guatemala
O xesuíta vigués Fernando Hoyos loitou polos dereitos dos indíxenas e dos máis pobres en Guatemala
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta