Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2020 | Actualizada ás 13:00
O Sindicato Labrego Galego denuncia que esta semana rematou o prazo de dez días para solicitar as axudas para compensar as perdas provocadas polo confinamento da Covid-19 nos sectores de ovino e caprino. Tal e como aconteceu co viño, os requisitos pensados para outras comunidades autónomas, fixo que o 95% das granxas que podían optar á axuda quedasen fóra.
SLG RECLAMA AXUDAS PARA TODAS AS GRANXAS
O Sindicato reclama unha axuda compensatoria polas perdas provocadas pola crise da Covid-19 á que poidan acceder todas as granxas damnificadas. "Dende o SLG pedimos que as axudas de compensación sexan por cada granxa e que, para calcular o importe que lle correspondería a cada unha, se faga unha estimación a partir da diminución nas vendas neste ano en comparación coas vendas realizadas o ano anterior", argumentan.
OFICINAS AGRARIAS COMARCAIS
A rede de oficinas agrarias comarcais son as que deberían promover as subvencións e axudar a xestionar a súa tramitación. Porén, o sector ten que recorrer a xestorías e entidades bancarias para pedir axudas tan importantes como as da PAC.
No caso das axudas de ovino e caprino, atopáronse con que se convocaron cun prazo insuficiente de dez días e con boa parte das entidades privadas de vacacións ou co persoal eventual que tramita PACs nos bancos co seu contrato temporal expirado, o cal tamén puido influír no escaso éxito da convocatoria.
POSIBILIDADE DE QUE A CRISE EMPEORE
Da mesma maneira que no sector de vacún, en ovino e caprino tamén se recorreu á conxelación de canles para retirar carne do mercado. Isto pode ser unha arma de dobre gume, xa que se agora esa retirada pode axudar a manter os prezos, nos meses vindeiros, cando se introduza no mercado, pode facer que se afundan de novo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.