As hipotecas seguen afundidas en Galicia cun descenso do 21,3% en xuño en Galicia

A comunidade encadea catro meses de descensos neste indicador.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2020 | Actualizada ás 11:57

Comparte esta noticia

O número de hipotecas constituídas sobre vivendas inscritas nos rexistros da propiedade situouse en 799 en xuño en Galicia, o que supón un descenso do 21,3 por cento en comparación co mesmo mes do ano pasado e unha profundización nas caídas no indicador, que a comunidade encadea por cuarto mes consecutivo.

Esta caída é a quinta máis acusada entre as comunidades, só superada por Navarra (cun descenso do 36,1 por cento), Comunidade Valenciana (32,8 por cento), Aragón (32,5 por cento) e Andalucía (27,2 por cento).

En todo o Estado, o número de hipotecas sobre vivendas asinadas foi de 26.748 o pasado mes de xuño, cifra que representa un 12,7 por cento menos que en igual mes de 2019, segundo informou este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE), que lembra que os datos proceden de escrituras públicas realizadas anteriormente.

Galicia rexistrou o seu último crecemento interanual na firma de hipotecas en febreiro, cando subiu un 4,4 por cento. Desde entón, encadea descensos, que foron do 17,6 por cento en marzo, do 11 por cento en abril e do 10 por cento en maio.

A firma de hipotecas sobre vivendas profunda a súa caída en Galicia en xuño
A firma de hipotecas sobre vivendas profunda a súa caída en Galicia en xuño | Fonte: Europa Press

DATOS ESTATAIS

Co retroceso interanual experimentado en xuño en España, moito máis moderado que o de maio, a firma de hipotecas sobre vivendas encadea catro meses consecutivos de taxas interanuais negativas despois do retroceso do 14,6% experimentado en marzo, cando se declarou o estado de alarma pola crise sanitaria, do esborralle do 18,4% en abril e da caída do 27,6% rexistrada en maio.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta