Os pensionistas galegos seguen á cola do Estado ao cobrar 861,26 euros de media

Por provincias, o mínimo márcao Ourense, cunha pensión media de 745,22 euros; e séguelle Lugo, cunha media de 767,22 euros

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2020 | Actualizada ás 14:28

Comparte esta noticia

A pensión media en Galicia aumentou, a data de 1 de agosto, un 2,28 por cento en relación ao mesmo mes do ano anterior, aínda que segue á cola do Estado, cunha media de 861,26 euros. Só Estremadura, con 843,52 euros, computa unha prestación media máis baixa que a Comunidade galega.

Así o constatan os datos difundidos este venres polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, que reflicte que o número de pensionistas en Galicia é de 764.426, un 7,82% do total nacional e un 0,18% menos que no mesmo mes do ano anterior.

Deles, 68.387 perciben unha prestación por incapacidade permanente --que ascende a unha media de 891,86 euros--, 479.143 por xubilación --cunha media de 980,03 euros--, e 185.785 por viuvez --cunha media de 613,17 euros--. A pensión media en Galicia é 151,68 euros máis baixa que a media do conxunto do Estado, que se sitúa en 1.012,94 euros.

Por provincias, o mínimo márcao Ourense, cunha pensión media de 745,22 euros; e séguelle Lugo, cunha media de 767,22 euros. A diferenza coas provincias atlánticas é significativa, xa que no caso de Pontevedra a pensión media está nos 901,89 euros, e na Coruña, en 905,89 euros. En todas as provincias as pensións creceron máis dun 2%.

En canto ao número de pensionistas, A Coruña computa o maior número --299.345, un 0,10% máis que o ano pasado--, e séguelle Pontevedra con 242.573 persoas que cobran unha pensión, un 0,18% máis. En Lugo e Ourense --con 115.246 e 107.262 prestacións computadas, respectivamente--, experimentouse un descenso de pensionistas do 1,02% e do 0,87%.

Evolución da pensión media en Galicia. EPDATA
Evolución da pensión media en Galicia. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta