A hostalaría... Así son as penurias dun dos sectores económicos de Galicia en plena crise

O sector da hostalaría denuncia “os ataques inxustificados da Xunta”. Consideran que se están vulnerando dereitos de licenza para determinados establecementos de “ocio nocturno”. O goberno galego di manter un diálogo constante co sector e buscar liñas de finaciamento.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 04/09/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“Cremos que as medidas publicadas no DOG o 15 de agosto responden a criterios mediáticos que buscan tranquiliar á poboación” di Lois Lopes da Asociación de Hostalaría de Compostela. “Diría que mesmo se criminaliza ao sector porque ninguén aporta datos concretos sobre a incidencia dos locais no contaxio da COVID”.

Bar, bares, xente, persoas, persona, hostalaría, turismo en Madrid
Bar, bares, xente, persoas, persona, hostalaría, turismo en Madrid

Cheché Leal, da Asociación de Hostalaría de Lugo representou ás catro asociacións de Galicia durante a última reunión con representantes do goberno galego o 20 de agosto. Leal tamén ve unha acción de “criminalización” sobre a hostalaría coas medidas establecidas no DOG. “Ademais, esas medidas non veñen acompañadas de medidas de axuda ou rescate para un sector que leva cinco meses pechado”.

NON EXISTE O “OCIO NOCTURNO”

“Hai que deixar clara unha cousa, o ocio nocturno non é unha categoría, é unha denominación para recoñecer certo tipo de establecementos di Leal. Os establecementos de ocio norturno segundo o DOG do 15 de agosto, serán “as discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festas, así como as salas de concertos que desenvolvan as súas actividades de forma análoga aos anteriores”. Son establecementos que desenvolven actividades ata horarios avanzados de madrugada.

O peche de todos os locais debe ser á unha da madrugada, sen excepción. Non obstante, desde as Asociacións de Hostalaría denunciaron que se está indo contra a propia licenza de apertura dos locais sinalados como de “ocio nocturno”. “As cafetarías, os café-bares poden abrir ata a unha, mais houbo quen abría ata as catro” denuncia Leal. “Había noticias sobre locais de ocio nocturno que tiñan xente dentro, que a policía os pechou e precintaron o equipo de música, ben, se ten equipo de música non é local de ocio nocturno”.

Sector da hostalaría. Europa Press - Archivo
Sector da hostalaría. Europa Press - Archivo

Este foi un dos puntos que acenderon as alarmas dos hostaleiros. “Se alguén sen permiso permanece aberto ata as tantas, son insolidarios, piratas, fraco favor lle están facendo a este sector” sinala Leal. Mais o problema está en que a hora de peche está deixando aos locais de horario nocturno sen moita marxe. “Cremos que se está facendo unha interpretación literal da lei e que é necesaria outra lectura desa mesma lei” apunta Lois Lopes. “Quixemos buscar un apoio legal dentro da normativa municipal en Compostela, e para iso faríase unha declaración responsable sen máis condicións técnicas, porque xa as temos”.

PECHES E CONTAXIOS

A idea deste último punto era que as licenzas de apertura ata horas avanzadas na madrugada non estivesen perdendo o seu valor. É dicir, o peche á unha da madrugada está “deixando fóra de xogo” aos locais que o DOG definía como “ocio nocturno”. Isto a pesar das axudas ICO e ao aluguer. “Iso vén acompañado de pagar cotizacións á Seguridade Social, licenzas e seguros, mais se pecho á unha, non me deixan traballar” sinala Cheché Leal. A falta de ingresos non permite a apertura do local e isto trae o consecuente desemprego.

As actuais circunstancias demostran, segundo o sector da hostalaría, o descoñecemento do mesmo por parte das autoridades. “Durante a última reunión onde estiveron Alfonso Rueda e outros representantes da Xunta preguntei se todo isto viña do Goberno Central ou se era competencia autonómica” di Leal. Segundo o presidente da Asociación de Hostaleiros de Lugo, a resposta dos representantes do goberno galego foi “si, é unha orde ministerial”. Sobre este punto, as CCAA e o Ministerio de Sanidade acordaron once medidas e tres recomendacións, cousa que non impediría que as CCAA puidesen aplicar normas máis estrictas.

O ministro de Sanidad insistira o día que anunciou este paquete de medidas, que estas eran unha acción coordinada entre Estado e CCAA. “As autonomías aceptaron os peches á unha da mañá, por tanto agora esa competencia é autonómica” di Leal. Se non é así “que nolo aclaren”.

A partir de aquí os hostaleiros deducen que os gobernos autonómicos, entre eles o galego, terán estudos ou datos relativos sobre se os locais son focos importantes de expansión da COVID. Feita esta pregunta aos representantes da Xunta “a resposta foi que non”. “Non hai datos, só a información que sae en medios” di Lois Lopes. “Os brotes actuais non saíron da hostalaría, a maioría apareceron en reunións familiares, de amigos e outros puntos, por tanto a COVID non está ligada nin exclusivamente nin principalmente á hostalaría” remata Lopes.

RESPOSTA DE VICEPRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

A Vicepresidencia da Xunta, que ten parte das competencias sobre a hostalaría xunto outras consellarías, como Industria, respondeu nun correo electrónico que “cómpre lembrar que o peche dos establecementos de ocio nocturno, isto é discotecas, salas de baile e bares de copas, é unha medida que se tomou no conxunto de España polo Ministerio de Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, para conter o avance da pandemia”.

Sinalan ademais que a Xunta “está en contacto constante cos representantes do sector”, mencionando a última reunión do pasado 20 de agosto, “onde se escoitaron as súas demandas e chegouse a un acordo con eles, que foi ben acollido”. Non obstante, aquí Cheché Leal apunta que “nós non chegamos a ningún acordo con eles”. Inda así, está prevista unha nova reunión o próximo mes para avaliar a evolución da situación sanitaria.

Sobre a situación económica que atravesa o sector, o executivo galego “comprométese a traballar nun protocolo de reactivación para cando a situación sanitaria permita a reapertura dos locais”. Iso sí, cinguíndose ás condicións e ás fases en que se producirá a reapertura. A isto engaden que estudarán co sector vías de financiamento.

Con todo, a Asociación Hostalaría Compostela e a Asociación  de  Bares,  Pubs  e  Discotecas  de  Santiago  presentaron o pasado 27 de agosto no Tribunal  Superior de Xustiza de Galicia “un recurso contencioso-administrativo contra a Orde do 15 de agosto de 2020” pola que se modifican “determinadas medidas previstas no Acordo do Consello da Xunta de Galicia de 12 de xullo de 2020” en canto as prevencións necesarias para “facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta