As vodas terán un límite de 50 persoas no exterior e 25 en interior en Arteixo e o barrio da Milagrosa en Lugo

Nos bares e cafetarías queda prohibido servir no interior e só se poderán habilitar as terrazas, cun 50 por cento da súa capacidade e cun máximo de cinco persoas por mesa ou agrupació de mesas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2020 | Actualizada ás 12:01

Comparte esta noticia

As cerimonias nupciais e outras celebracións relixiosas ou civís como comuñóns e bautizos quedarán limitadas desde o luns a un máximo de 50 persoas se son ao aire libre e de 25 no caso de que sexan en espazos pechados no municipio de Arteixo e no barrio da Milagrosa da cidade de Lugo.

Así figura nas ordes publicadas a última hora deste venres no Diario Oficial de Galicia (DOG) coas novas medidas para conter os contagios de covid-19 nas áreas nas que as autoridades sanitarias galegas detectaron nos últimos días un empeoramento da situación.

A orde que regula as medidas aprobadas para o municipio de Lugo fixa máis restricións para o barrio da Milagrosa, en concreto na área comprendida entre a avenida da Coruña e as rúas Pintor Tino Grandío, Camiño Real, Mar Cantábrico e Angelo Colocci, incluídas estas.

O texto especifica que ás celebracións que xa estaban previstas para este sábado e este domingo en establecementos de restauración non se lles aplicarán estas novas restricións, pero deberán ser comunicadas polos titulares dos locais á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade para que se poidan tomar medidas e facer as recomendacións pertinentes. Esta exclusión ata o luns afecta exclusivamente a este ámbito e o resto das medidas entraron en vigor ás 00,00 horas de hoxe sábado.

Na Milagrosa e en Arteixo rexen as normas máis estritas, segundo as cales os restaurantes non poderán superar o 50 por cento da súa capacidade na zona de comedor e só poderase permanecer nestes espazos sentado nunha mesa ou agrupación de mesas, coa debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes.

Nos bares e cafetarías queda prohibido servir no interior e só se poderán habilitar as terrazas, cun 50 por cento da súa capacidade e cun máximo de cinco persoas por mesa ou agrupació de mesas. Este máximo de cinco individuos aplícase en xeral para calquera encontro de persoas non convivientes tanto en Arteixo como na Milagrosa.

Nesta zona, como en Arteixo, as reunións de persoas que non conviven poden ser de ata cinco persoas e os bares e cafetarías poderán servir unicamente nas terrazas, que deberán reducir o aforamento ao 50 por cento.

CONCELLO DE LUGO

A Consellería de Sanidade aprobou tamén medidas que afectan o Concello de Lugo no seu conxunto e que son similares ás que veñen aplicando na comarca da Coruña nas últimas semanas. Así, as reunións de persoas non convivientes quedan limitadas a 10 persoas, péchanse os centros de día e suspéndense as visitas e as saídas das residencias de maiores.

O límite máximo para os velorios será de 25 persoas en espazos ao aire libre e de 10 en lugares pechados, sexan ou non convivientes. Na comitiva poden estar ata 25 persoas, ademais, de ser o caso, do ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para realizar os ritos funerarios.

Nos lugares de culto non se poderá superar o 50 por cento da capacidade e o exterior dos edificios non se pode usar para cerimonias.

As vodas e outras celebracións relixiosas ou civís quedan suxeitas ás medidas para lugares de culto, se se celebran nun deles, e os banquetes deberán respectar os máximos fixados para os locais de hostalaría. En calquera caso non pode haber máis de 100 persoas ao aire libre e 30 en espazos pechados.

Nos establecementos de hostalaría e restauración a capacidade limitarase ao 50 por cento no interior e queda prohibido consumir na barra. As terrazas deberán funcionar tamén ao 50 por cento.

Do mesmo xeito que se fixo na zona da Coruña, os establecementos comerciais deberán dar un servizo de atención preferente a maiores de 75 anos e a estas persoas, así como ás vulnerables á covid-19, recoméndaselles evitar saír en horas "de previsible afluencia ou concentración de persoas na vía pública".

SITUACIÓN EN LUGO E ARTEIXO

As ordes do DOG indican que "se observa un aumento do número de casos" no Concello de Lugo, cunha distribución "non uniforme, xa que se concentra fundamentalmente no barrio da Milagrosa". O informe sobre a situación epidemiolóxica "advirte da indubidable capacidade de transmisión" en eventos cun número alto de persoas.

O brote "está bastante delimitado e, por tanto, pode ser controlado o seu tómanse as debidas medidas de restrición".

En canto a Arteixo, o documento indica que presenta "unha situación moi específica" dentro da comarca da Coruña, con "unhas taxas de incidencia no últimos tres días moi superiores ás do Concello da Coruña", que ata o momento era "o máis afectado". "Os datos mostran que podemos estar a iniciar un rápido ascenso na curva epidémica e, por tanto, deben porse en marcha de forma urxente medidas restritivas", argumenta.

Unha traballadora desinfecta a terraza dun bar en Ermua (Bizkaia)
Unha traballadora desinfecta a terraza dun bar en Ermua (Bizkaia) | Fonte: Europa Press

LUGO REFORZA A DESINFECCIÓN

O Concello de Lugo reforzou este sábado a desinfección e limpeza no barrio da Milagrosa, despois da entrada en vigor da orde da Xunta con novas restricións para a cidade en xeral e para esta zona en particular, na que as reunións se limitan a cinco persoas e os bares poden servir só en terrazas.

Nun comunicado, o concelleiro Álvaro Santos explicou que ao operativo habitual sumáronselle medios técnicos e humanos para intensificar os labores de limpeza desde primeira hora da xornada, co fin de "colaborar no control do foco" detectado nos últimos días na capital provincial.

Á brigada sumáronse dous peóns máis, con equipos de desinfección, que traballaron cunha varredora, unha baldeadora e unha hidrolimpadora de beirarrúas.

Así, esterilizouse o firme, fachadas, paradas e marquesiñas de bus, ademais de colectores, papeleiras, varandas e resto de mobiliario urbano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta