Críticas dos docentes ás palabras de Feijóo na investidura: "temos que cumprir como cumpre a Xunta?"

O presidente destacou que os profesores tiñan que "comezar o curso" e "cumprir como o resto de traballadores". A reacción da comunidade educativa non tardou en agromar.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2020 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

Nova vaga de críticas ás palabras de Alberto Núñez Feijóo. Conforme se vai achegando o comezo do curso escolar máis cargado de incerteza que se lembra sobe o nivel de tensión entre docentes e Consellería de Educación. O primeiro atisbo dunha suba no ton dos profesores veu dada polo anuncio de folga para as xornadas 10 e 16 deste mes por parte dos sindicatos. Agora, a intervención de Núñez Feijóo na sesión de investidura do pasado martes vén de caldear os ánimos un chisco máis.

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomar, nunha reunión do comité clínico. XUNTA
O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, e a conselleira de Educación en funcións, Carmen Pomar, nunha reunión do comité clínico. XUNTA | Fonte: ANA VARELA

"Os docentes teñen que comezar o curso e cumprir como o resto de traballadores", apuntou o presidente da Xunta dende a tribuna do parlamento galego na entrada á súa cuarta lexislatura. "Cumprir como quen? Como o Goberno galego, que nos dá o protocolo dous días despois das eleccións tras múltiples reclamacións?" pregúntase Teresa López, docente integrada na plataforma Profesorado en pé. A súa non é a única mostra de rexeitamento que nas últimas horas agromou por parte da comunidade docente.

Xa á marxe das declaracións do presidente da Xunta, as redes foron tamén escenario nas últimas horas de docentes que lamentaron a escaseza de directrices oficiais de cara ó vindeiro ano lectivo; así como de críticas á actitude da Consellería de Educación cos equipos de profesores.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta