Unha xuíza ordena á familia Franco que devolva o Pazo de Meirás ao Estado

Nunha sentenza destaca que foi regalado a Franco como xefe do Estado e non a título persoal ou privado. "O 24 de maio de 1941 non se entrega a Franco o pazo e Franco nada paga. A vendedora xa vendera. A reservista, Manuela Esteban Collantes e Sandoval, xa renunciara ao seu dereito. Franco nada compra", sublíñase na resolución", recolle.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 02/09/2020 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

A familia Franco debe devolver o Pazo de Meirás ao Estado. Así o entende a maxistrada Marta Canales nunha sentenza na que suliña que os documentos demostran que o Xunta Pro Pazo regalou o inmoble ao xefe do Estado, non a Francisco Franco a título persoal

Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo
Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo

Deste xeito, o Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña estimou integramente a demanda interposta polo Estado e declarouno como propietario do Pazo de Meirás, polo que condena á familia Franco á devolución do inmoble sen ser indemnizada polos gastos nos que afirma incorrer para o mantemento da propiedade.

No procedemento, a Xunta de Galicia, o Concello de Sada, o da Coruña e a Deputación Provincial defenderon tamén a postura da Avogacía do Estado, mentres que como demandados constan seis familiares de Francisco Franco e unha sociedade limitada.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maxistrada declara na sentenza a nulidade da doazón efectuada en 1938 de "a leira denominada Torres ou Pazo de Meirás ao autoproclamado xefe do Estado, Francisco Franco Bahamonde, por carecer do requisito esencial de forma".

En relación a este fundamento, aclara a xuíza que, o mesmo ano en que se efectúa a doazón, constitúese un Xunta Pro Pazo "do Caudillo" para comprar e regalar o Pazo de Meirás "ao Generalísimo dos Exércitos e Xefe do Estado Nacional". "O seu nome era Francisco Franco Bahamonde, pero non se lle regala a el en por si, senón ao xefe do Estado", engade apoiando os argumentos dos demandantes e rexeitando os da parte demandada.

ALEGACIÓNS DOS FRANCO

As alegacións dos demandados en relación á intención das vendedoras, que querían que o pazo se regalase a Franco a título persoal, "non se comparten", di a sentenza, onde se conclúe que a literalidade dos documentos sobre a compra do pazo e posterior doazón "non deixa dúbidas", pois todos refírense "ao caudillo".

No fundamento de dereito terceiro da resolución, a xuíza conclúe que a compravenda de 24 de maio de 1941 foi unha "simulación", o que determina a nulidade da mesma. Trátase do título esgrimido polos demandados e polo que Franco, a título particular, logra a inscrición da leira no Rexistro da Propiedade.

En relación a este extremo, afirma a maxistrada que non se acepta a argumentación dos demandados sobre a compra que realiza Franco coa intermediación de Pedro Barrié de la Maza, que cualifica de "ficción" levada a cabo "co só obxecto de pór o ben ao seu nome".

"Ningunha operación subxace entre as partes que se disimule para os efectos que defenden os demandados. O Pazo de Meirás entregouse ao Xunta Pro Pazo do Caudillo na primavera de 1938, comprado en escritura pública pola Xunta o 5 de agosto de 1938 e o Xunta Pro Pazo fixo entrega formal ao caudillo o 5 de decembro de 1938".

"O 24 de maio de 1941 non se entrega a Franco o pazo e Franco nada paga. A vendedora xa vendera. A reservista, Manuela Esteban Collantes e Sandoval, xa renunciara ao seu dereito. Franco nada compra", sublíñase na resolución.

INCORPORADO DE "MALA FE"

No que respecta á liquidación do estado posesorio --restitución dos gastos nos que podería incorrer a familia mentres foi titular do inmoble-- a maxistrada entende que non cabe, ao ser a propiedade incorporada ao patrimonio da familia Franco de "mala fe".

Esa mala fe, argumenta, materialízase "cando, tras aceptar o caudillo a doazón do Pazo de Meirás, na súa calidade de xefe do Estado, outorga unha escritura pública o 24 de maio de 1941 coa soa finalidade de inscribir este ben ao seu nome no Rexistro da Propiedade, sen mediar prezo algún".


Ao entender que a propiedade do pazo corresponde ao Estado, a xuíza declara tamén nula a parte da escritura pola que os herdeiros de Franco se fixeron co inmoble, así como a doazón das leiras que se recolle nunha escritura de novembro de 1982.


PARTES DA SENTENZA

Ao longo da fundamentación xurídica, a maxistrada Marta Canales aborda no fundamento de dereito primeiro o contexto histórico, coa finalidade de determinar os feitos probados, entre eles a compravenda por parte do Xunta Pro-Pazo ou a subscrición popular realizada.

No fundamento de dereito terceiro abórdase a compravenda de 24 de maio de 1941 "e a existencia de simulación, o que determina a súa nulidade", explica o alto tribunal, mentres que o cuarto trátase a prescrición adquisitiva extraordinaria a favor do Estado, a viabilidade da acción reivindicatoria, a afectación a un servizo público, a inexistencia de desafectación e a liquidación do estado posesorio, denegando o mesmo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 21 comentarios

8 M8millo

Escribo para responder ós comentarios que negan a represión que tivo lugar en Galicia dende o ano 36. A miña intención non é sacar do seu erro ó autor dos mesmos, pois cando a ignorancia é finxida cómpre calificala de mala fe. Pretendo máis ben axudar a ver claramente a aquelas persoas que, se cadra, ben por ser novas, ben por non ter tido un interés no tema ignoran a situación que se viviu no noso país. Entre o 36 e o 40 foron asasinadas entre catro e cinco miles de persoas e encarceradas aproximadamente 50.000 entre centros penitenciarios e campos de concentración. Existía tres focos de organización que se pretendían erradicar agrarismo, movemento obreiro nas cidades e vilas e nacionalismo. Os responsables da masacre foron os grandes capitalistas (case na súa totalidade os avós dos de hoxe, basta mirar os nomes das grandes empresas) que financiaron ós golpistas.

7 Sentidiño

Paco leva dous desaloxos. Agardemos que non faga outra okupación.

6 Sentidiño

As torres volven ao patrimonio do estado, coma tantos edificios que hoxe son monumentos visitábeis, museos, ou paradores de turismo. A xestión pode ser estatal, autonómica ou municipal. Espero que o destinen a un museo da represión fascista.

5 Vergoña

O que é unha vergoña e que corenta anos despóis do fin da ditadura non se devolva o ursurpado por este la_drón e asa_sino que foi Franco. España da noxo

4 Ricardo R.

Algun@ están tan obsesionad@ con Franco que quiere quitarle la casa que tuvo en Meirás para poder instalarse en ella. Mal vamos con esas obsesiones necrofílicas, aunque lo intenten disimular con la disculpa de la devolución al "pueblo".