Científicos galegos toman parte no descubrimento do maior buraco negro atopado ata a data

Sería o máis grande xamais detectado con ondas gravitacionais. A súa masa total sería o equivalente a 142 masas solares.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 02/09/2020 | Actualizada ás 17:58

Comparte esta noticia

A comunidade científica das colaboracións internacionais do detector Advanced Virgo no Observatorio Gravitacional Europeo, en Italia; e dos dous detectores Advanced LIGO, en EEUU, veñen de anunciar a detección dun buraco negro de ao redor de 142 masas solares, resultado final da fusión de dous buracos negros de 66 e 85 masas solares. A USC a través do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) toma parte na colaboración científica LIGO.

Buraco negro máis extenso atopado ata o momento. Está no rango dende 100 a 1.000 masas solares. IMAXE: Raúl Rubio / Virgo Valencia Group / The Virgo Collaboration
Buraco negro máis extenso atopado ata o momento. Está no rango dende 100 a 1.000 masas solares. IMAXE: Raúl Rubio / Virgo Valencia Group / The Virgo Collaboration

O buraco negro remanente é o máis masivo xamais detectado con ondas gravitacionais. Sitúase nun rango de masas no que un buraco negro non foi observado nunca antes, nin a través de ondas gravitacionais nin con observacións electromagnéticas, e podería axudar a explicar a formación de buracos negros supermasivos. Ademais, os dous buracos negros iniciais, se xurdiron do colapso de estrelas, sitúanse nun rango de masas no cal a súa presenza considérase, en teoría, imposible, e podería por tanto axudar a mellorar a comprensión sobre as etapas finais da vida das estrelas masivas.

O evento foi detectado polos tres interferómetros da rede global o 21 de maio de 2019. Dous artigos científicos informando sobre o descubrimento e as súas implicacións astrofísicas foron publicados este mércores en Physical Review Letters e Astrophysical Journal Letters, respectivamente.

IMPORTANCIA

Bater o récord de masa das deteccións nos períodos de observación de Virgo e LIGO é só una das varias características especiais que fan desta detección unha fusión excepcional e un descubrimento sen precedentes. O interese nesta poboación de buracos negros está relacionado cun dos crebacabezas máis fascinantes e complexos da astrofísica e a cosmoloxía: a orixe dos buracos negros supermasivos, segundo apunta a USC nun comunicado.

Estes monstros xigantes, de millóns a miles de millóns de veces máis masivos que o Sol e a miúdo no centro das galaxias, poderían xurdir da fusión de buracos negros de masa intermedia “máis pequenos”. Ata o de agora, moi poucos candidatos a buracos negros de masa intermedia foron identificados unicamente a través de observacións electromagnéticas e o remanente de GW190521 é a primeira observación dun buraco negro de masa intermedia vía ondas gravitacionais.

Esta detección abre a porta para descubrir moitos máis posibles efectos astrofísicos novos”, comenta Thomas Dent, coordinador do programa de ondas gravitacionais no IGFAE, membro de LIGO e membro do equipo editorial dos artigos publicados. “Foi moi complexo interpretar o sinal ao estar no límite da nosa capacidade técnica. Só teremos unha idea clara de como se formou o sistema que a xerou tras investigacións adicionais e con deteccións futuras coas que comparar.”

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta