A Xunta quéixase de que a repartición do 'fondo COVID' é "insuficiente" para cumprir as medidas do acordo do curso

Por outra parte, Abanca adquiriu para o Sergas sete equipos "de última tecnoloxía" para monotorizar pacientes pola covid-19. O material facilita o seguimento simultáneo, individualizado e continuo de ata 1.200 persoas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2020 | Actualizada ás 18:21

Comparte esta noticia

Unha noticia positiva, pero insuficiente. A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional valorou o anuncio "oficial" da repartición do 'fondo covid' para as comunidades autónomas. Galicia recibirá 92,9 millóns de euros dunha partida de 2.000 destinada exclusivamente ao ámbito educativo, e no que Andalucía, Cataluña e Madrid copan a metade da contía total.

A Xunta considerou "imprescindible" esta inxección de fondos do Estado, pero advertiu de que o montante repartido é "insuficiente" para garantir o cumprimento das medidas de seguridade pactadas no documento subscrito entre as comunidades autónomas e os Ministerios de Educación e de Sanidade.

En particular, Educación apunta á distancia de seguridade de 1,5 metros que se aplica a partir de secundaria e que obrigará á realización de desdobres de grupos pola falta de espazos nos centros de ensino. "O que implica unha contratación de persoal docente superior á prevista inicialmente".

O Goberno galego pide axilidade para que a transferencia de fondos "se faga efectiva coa maior celeridade" ante a proximidade do inicio do curso "en escasos días" e a urxencia de dar resposta a "as múltiples necesidades" derivadas do acordo co Goberno central para adaptar os centros á COVID-19.

En todo caso, lembrou a petición de que se estableza canto antes un fondo a maiores para o próximo ano, posto que esta partida unicamente inclúe contías para 2020. "O curso escolar continúa durante toda a metade de 2021 e os recursos van ser necesarios ao longo de todo ese período", resolven.

COMEZO GRADUAL

O curso arrincará en Galicia a partir do 10 de setembro e de forma gradual, ao longo de varias xornadas e por niveis educativos, entre outras medidas anunciadas e recollidas esta mesma semana nas novas instrucións para o inicio da actividade lectiva.

As aulas manterán grupos de convivencia estable para infantil e primaria, e unha distancia de seguridade de 1,5 metros de separación medidos desde o centro das cadeiras para o resto de etapas educativas.

Para facer cumprir esta medida, os centros poderán retirar mobles e buscar espazos alternativos para aqueles casos nos que o tamaño do habitáculo impida cumprir co distanciamento decretado.

Educación abre a porta a efectuar novos desdobres naqueles grupos nos que resulte inviable e careza de alternativa en calquera destas dúas opcións para poder cumprir coas medidas de seguridade, aínda que de momento descoñécese o alcance desta circunstancia e o reforzo de medios humanos que implicará a maiores dos previstos.

Os conselleiros de Educación e Sanidade, Carmen Pomar e Jesús Vázquez Almuiña, respectivamente. XUNTA
Os conselleiros de Educación e Sanidade, Carmen Pomar e Jesús Vázquez Almuiña, respectivamente. XUNTA | Fonte: Europa Press

DOAZÓN MATERIAL ABANCA AO SERGAS

Abanca adquiriu para o Sergas sete equipos "de última tecnoloxía" para monotorizar pacientes pola covid-19. O material facilita o seguimento simultáneo, individualizado e continuo de ata 1.200 persoas.

A través dunha nota de prensa, a entidade financeira reivindica o "reforzo" do sistema sanitario público galego "desde o inicio da pandemia", con máis de 500 equipos "de altas prestacións" como unidades de coidados intensivos e lectores clínicos para realizar test, entre outros.

O sete equipos que agora comprou diríxense a xestionar "dunha maneira máis eficiente" o eventual incremento de pacientes nos hospitais galegos, segundo explica. Asegura que a compra foi "acordada co Sergas" e que responde as necesidades do sistema sanitario.

En concreto, a monotorización central permite, segundo a entidade, "seguir e documentar indicios de deterioración de maneira máis óptima", e reduce o risco de proporcionar exceso de osíxeno e de xerar falsas alarmas de arritmia. Cada central que se instala leva asociada dúas estacións de traballo, a través das que os servizos médicos operan os datos da central.

As estacións poden ser colocadas en puntos distintos dos hospitais e foron instaladas no Álvaro Cunqueiro de Vigo, no Lucus Augusti de Lugo, no Arquitecto Marcide de Ferrol, en Pontevedra e no Barbanza. Segundo apunta Abanca, entrarán en funcionamento "nos próximos días" na Coruña e na Mariña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta