Homenaxe a Lamas Carvajal, o home que levou o galego ós medios de comunicación

Este xoves cúmprense 114 anos da morte do fundador de O Tío Marcos da Portela, considerada a primeira publicacion periódica en galego.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2020 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Naceu en Ourense, viviu en Ourense e faleceu en Ourense hai este xoves 114 anos. Aínda que a traxectoria de Valentín Lamas Carvajal non presenta grandes fazañas nin viaxes -só se lle coñece unha residencia á marxe de Ourense: Compostela- a súa pegada literaria e cultural segue presente en múltiples ámbitos do universo galego.

Valentín Lamas Carvajal
Valentín Lamas Carvajal

A particular historia de Valentín Lamas Carvajal comeza cando, aínda moi novo, queda cego por unha doenza dexenerativa que non lle permite rematar os estudos de medicina da Universidade de Santiago. Xa por aquel entón, Lamas Carvajal era un estudante inquedo e curioso, entrando en contacto coa intelectualidade da época nos escasos anos que pasou en Compostela.

Ao seu regreso a Ourense, onde casou e se instalou ante a pérdida case total da vista, o mozo arrincou unha inxente produción literaria e cultural que o levou a transitar por múltiples vieiros. Lamas Carvajal foi, por un lado, un recoñecido poeta do seu tempo. Conta Ricardo Carvalho Calero na súa Historia que, por mor da súa doenza, o poeta ditada os versos ós seus familiares, que logo lle relían os poemas en busca de revisións.

O TÍO MARCOS DA PORTELA

A pegada de Lamas Carvajal na cultura galega, porén, veu determinada polo papel fundamental que desenvolveu na fundación da que sería a primeira publicación periódica editada exclusivamente en galego: O Tío Marcos da Portela. O semario, publicado entre 1876 e 1890 en Ourense, marcou un antes e un despois no emprego da lingua galego en rexistro escrito e culto, servindo de antecedente para as múltiples publicacións periódicas que proliferarían na mesma cidade tan só unhas décadas despois, entre elas a celebérrima revista Nós. 

A eféride do poeta e xornalista ourensán contou con eco nas redes sociais.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta