Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2020 | Actualizada ás 16:04
Os alcaldes socialistas da comarca de Santiago instaron á Xunta a asumir a limpeza e desinfección dos centros escolares de infantil e primaria ou a facilitar os fondos necesario para executar estas tarefas.
Os rexedores de Compostela, Oroso, Ames, Negreira e A Baña, entre outros, reuníronse este xoves para abordar a situación ante o inicio dun curso académico marcado absolutamente pola pandemia.
En concreto, sinalaron que os "estritos" protocolos da COVID-19 obrigarán a "multiplicar o gasto" aos diferentes municipios e a contratar máis persoal, cun investimento de "centos de miles de euros de gastos extra que non estaban orzados" e terán unha repercusión "importante" nas economías locais.
Neste sentido, lembraron que os concellos están a asumir gran parte destas tarefas a pesar de que "a competencia educativa é da comunidade autónoma".
Así mesmo, solicitan transparencia á Consellería de Sanidade para facer públicos os casos activos de cada municipio, sobre todo naqueles nos que se están tomando medidas máis restritivas polo aumento de contagios e pediron á Consellería de Educación que detalle o destino dos case 93 millóns dos Fondos Covid que transferirá o Estado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.