Agosto deixou en Galicia un 390% de choivas por encima do normal para esta época do ano

En relación coas temperaturas, a anomalía media foi de +0.13ºC, o que fai que poda considerarse no conxunto da Comunidade como un mes normal.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/09/2020 | Actualizada ás 17:10

Comparte esta noticia

A Comunidade galega despediu este luns un mes de agosto que se considera "moi húmido" debido ás precipitacións abundantes rexistradas entre os días 12 e 19 e que, ademais, experimentou fortes contrastes de temperatura. Respecto dos valores climáticos para o período 1981-2010, os episodios máis chuviosos deixaron porcentaxes de precipitacións de máis dun 390% por encima do normal para esta época do ano.

Así se desprende do avance do informe climatolóxico elaborado por Meteogalicia, onde se indica que cada un destes días por separado xa superaría os valores normais dun mes de agosto e sumando as precipitacións rexistradas estímase un mes "moi húmido" en gran parte da Comunidade.

En concreto, a precipitación media acumulada foi de 92 L/m2 e deuse unha gran diferenza entre comarcas do norte, como A Mariña Central e a comarca de Sar, con rexistros de 266 L/m2; fronte ás do sur, por exemplo a comarca da Limia, que resultou a máis seca de Galicia, con rexistros de precipitación acumulados que apenas superaban os 5 L/m2.

TEMPERATURAS

En relación coas temperaturas, a anomalía media foi de +0.13ºC, o que fai que poda considerarse no conxunto da Comunidade como un mes normal. No entanto, destacou o contraste de temperaturas entre a primeira e a segunda quincena do mes, polo que o exceso de calor do quince primeiros días quedou compensado coas xornadas frías das últimas dúas semanas.

O valor medio das temperaturas máximas foi de 24,5 graos, rexistrándose os valores máis altos nas Ribeiras do Miño e do Sil, así como na comarca de Verín, con valores que superaron os 30 graos de media. Pola súa banda, as máximas máis baixas déronse nos puntos máis elevados da provincia de Ourense (Manzaneda e Pena Trevinca), con máximas medias que apenas conseguiron os 17 graos.

Unha persoa pasea con paraugas - Europa Press
Unha persoa pasea con paraugas - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta