Galicia iguala os peores picos de contaxio da corentena con máis de 4.000 casos activos

Hai 417 novos positivos dende o xoves e 161 altas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2020 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

Galicia detectou nas últimas 24 horas 417 novos positivos por coronavirus, ata situarse en 4.082, de acordo cos datos difundidos este venres pola Consellería de Sanidade, tomados na tarde do xoves. Con estes datos, Galicia sitúase nos peores datos de positivos do confinamento.

O parte de hoxe recolle un ascenso dos casos activos por encima dos 4.000 e tamén unha subida nos pacientes curados, que alcanzan os 13.200 --161 máis que o xoves--. Figuran, así mesmo, catro falecementos, que elevan o total a 656 desde que comezou a pandemia. Unha muller faleceu no CHUAC e outro tres persoas, unha muller e dous homes que eran residentes do centro xeriátrico do Incio (Lugo), morreron no Lucus Augusti de Lugo.

Por áreas sanitarias, o maior incremento no número de casos activos é o de Ourense, que pasa de 386 a 421 --35 máis que o xoves--, pero a cifra máis alta segue sendo a da área da Coruña e Cee, onde hai 1.445 afectados coa enfermidade neste momento --20 máis que onte--.

En Vigo o ascenso é de 25 casos activos, ata un total de 327; mentres que en Santiago constan 673 --14 máis que hai 24 horas-- e en Pontevedra son 279 --oito máis--. En Ferrol mantense a mesma cifra que onte, 150 casos activos, e Lugo é a única área na que hai un descenso, de dous casos activos, ata un total de 796.

O parte dese venres indica tamén que se realizaron un total de 354.273 probas PCR en Galicia ata o momento, cifra que supera en 5.223 a de onte.

Persoal da Residencia de maiores A Milagrosa sae do xeriátrico onde se está realizando un cribado. Carlos Castro - Europa Press
Persoal da Residencia de maiores A Milagrosa sae do xeriátrico onde se está realizando un cribado. Carlos Castro - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta