Denuncia dos sindicatos contra Medio Rural por vulneración do dereito á folga do persoal técnico de incendios

Afirman que a consellería que dirixe en funcións José González decretou uns servizos mínimos "abusivos con cambios de carteleiras posteriores para amplialos superando o 90% do cadro persoal".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/09/2020 | Actualizada ás 18:14

Comparte esta noticia

Os sindicatos CIG, CC.OO., CSIF e UGT presentaron unha denuncia ante Inspección de Traballo contra a Consellería do Medio Rural por supostas vulneracións do dereito a folga do persoal técnico dos servizos contra incendios.

Este persoal permanece de folga indefinida desde o pasado 1 de agosto para reclamar "melloras organizativas, técnicas e humanas", así como un novo acordo de condicións de traballo, segundo detallan as organizacións denunciantes, que acusan o departamento autonómico de "reprimir e boicotear brutalmente" os paros.

Así, afirman que a consellería que dirixe en funcións José González decretou uns servizos mínimos "abusivos con cambios de carteleiras posteriores para amplialos superando o 90% do cadro persoal".

Ademais, aseguran que Medio Rural vai contra o persoal "que apoia a folga" a pesar de non poder secundala por estar en servizos mínimos a través de descontos da súa nómina de "cantidades importantes" e "mesmo se lles convida a abandonar o apoio e xustificar traballos para recuperar parte dos subtraído ilegalmente".

Neste sentido, tachan a actitude da consellería de "esquirolismo patronal" que, segundo sosteñen os sindicatos, "vai a máis" a pesar de ser denunciada publicamente a través dos medios de comunicación.

"Esta situación esperpéntica constitúe unha grave agresión ao dereito fundamental das persoas traballadoras á folga polo que denunciamos e solicitamos que a autoridade laboral pare o acoso ao persoal, restitúa o dereito a folga e repare o dano económico e moral producido", engaden as centrais sindicais.

Protesta dos bombeiros forestais
Protesta dos bombeiros forestais

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta