Medio Ambiente concede case un millón de euros a 187 concellos para elaborar plans fronte ao cambio climático

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/09/2020 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

A Consellería de Medio Ambiente resolveu a orde de axudas dirixida ás entidades locais para a elaboración dos seus Plans de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable, unha ferramenta coa que planificar e adoptar medidas que apoien a loita contra o cambio climático desde a perspectiva local.

En total, son 187 os concellos que resultaron beneficiarios desta convocatoria, publicada o pasado mes de maio e en virtude da cal o Goberno galego repartirá 956.377,96 euros entre todos os adxudicatarios.

Segundo informou o Goberno galego, esta é a primeira vez que a Xunta establece este tipo de incentivos para apoiar aos concellos, entidades supramunicipais e agrupacións de entidades locais que se atopen formalmente adheridos ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía no proceso de elaboración e aprobación dos seus propios plans.

Un plan de acción para o clima e a enerxía sustentable consiste nun inventario de referencia de emisións GEI e na avaliación de riscos e vulnerabilidades ante o cambio climático.

Así, a liña de subvencións promovida pola Consellería de Medio Ambiente axudará aos beneficiarios a sufragar os traballos de asistencia técnica para a elaboración destes documentos. A realización destes plans é un dos compromisos adquiridos polos concellos galegos asinantes do Pacto das Alcaldías para o Clima e a Enerxía. O importe das subvencións concedidas ao amparo desta primeira convocatoria oscila entre os 2.479,34 euros e os 18.150 euros.

Cambio climático
Cambio climático | Fonte: WWF España

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta