Ofensiva política do BNG contra a monarquía: pide retirar os retratos de Juan Carlos I do Parlamento e Xunta

O Bloque presenta unha iniciativa na Cámara ao ver "incompatible" con "os valores democráticos" a actuación do emérito na Xefatura do Estado.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/09/2020 | Actualizada ás 13:00

Comparte esta noticia

O BNG rexistrou unha proposición non de lei no Parlamento galego para retirar as distincións, retratos e outros elementos en homenaxe ao rei emérito Juan Carlos I tanto na Cámara como nos edificios da Xunta, por considerar que a súa actuación á fronte da Xefatura do Estado e tras a súa abdicación "é incompatible coa ética e cos valores democráticos".

En concreto, os nacionalistas proporán no pleno do Lexislativo autonómico que a Xunta deixe sen efecto o título de 'embaixador de honra' do Camiño de Santiago outorgado a Juan Carlos de Borbón por decreto e "calquera outro título, honra ou distinción" que se lle deu.

Ademais, o BNG instará á retirada do retrato do emérito no Salón dos Reis do Pazo do Hórreo --sede do Parlamento-- e "doutros elementos que lle rendan homenaxe" nos edificios que sexan titularidade da Administración galega.

Neste contexto, o deputado nacionalista Luís Bará lamentou que "a lei do silencio implantada durante décadas ao redor da Casa Real coa conivencia de todos os estamentos do Estado" permitise construír "unha imaxe deturpada e falseada" da monarquía borbónica que agora "é cuestionada abertamente por unha banda importante da sociedade e por medios de comunicación de todo o mundo".

UNHA VIDA "POUCO EDIFICANTE"

Bará tamén sinalou que a "revelación da vida pouco edificante" de Juan Carlos I, tras as informacións que apuntan ás supostas comisións polo AVE á Meca e á fortuna do emérito, "non é un problema de natureza privada senón que se trata dun feito de extraordinaria e grave transcendencia pública e institucional", xa que "deixa en evidencia á institución monárquica, ao réxime do 78 e á trama de intereses espurios tecida ao redor da Casa Real".

Así, tras a marcha de Juan Carlos de Borbón a Emiratos Árabes a principios de agosto e a renuncia á herdanza do seu pai por parte de Felipe VI en marzo, Bará explicou que a iniciativa presentada para debater no pleno consiste en "un exercicio de decencia e hixiene democrática inaprazable".

O Rei Juan Carlos, nunha recente imaxe de arquivo. EUROPA PRESS - Arquivo
O Rei Juan Carlos, nunha recente imaxe de arquivo. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta